A Deputación destina 20.000 euros á sinalización de Cabo Ortegal
O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá co alcalde de Cedeira, Leopoldo Rubido, o convenio que formaliza a axuda provincial a este concello para o financiamento das obras de sinalización da ruta itinerario de interpretación do complexo xeolóxico Cabo Ortegal, un referente internacional pola diversidade e a antigüidade das pedras, que o converten nun importante espazo de traballo no sector da xeoloxía.
A institución provincial achegará un total de 20.000 euros para un proxecto redactado pola enxeñeira técnico forestal, Carmen Pastoriza, o que supón o 80% do orzamento total, que ascende a 25.000 euros.
Con este acordo, financiaranse os sinais informativos da Canteira de Purrido, Repetidor de Teixido, Cruceiro de Teixidelo, Falla de Teixidelo, Garita de Herbeira, o Miradoiro Penedo Edroso e a Cabeceira do Darabaxe.
A Deputación provincial financiará os gastos derivados do contrato de execución das obras, xa que non serán subvencionables os gastos de redacción de proxectos, os tributos pola obtención de licenzas, honorarios pola dirección da obra, coordinación de seguridade e saúde ou control de calidade.
O convenio asinado estará vixente ata o 11 de novembro de 2013, e as obras terán que estar rematadas tres meses antes da data de finalización do acordo.
Tras a sinatura, o alcalde Leopoldo Rubido afirmou que “para min A Capelada é o máis importante que temos en Cedeira”, polo que asegurou que “este proxecto é vital tanto desde o punto de vista turístico como ambiental”. Engadiu que, co inicio da sinalización, responden ás reiteradas peticións de profesores universitarios expertos chegados desde Asturias, xa que “foron eles os que empezaron con este plan que agora nós continuamos”.
Ruta de interpretación
O convenio para financiar a sinalización da ruta de interpretación na Capelada foi aprobado durante a última sesión plenaria, onde se puxo de manifesto a importancia desta contorna, xa que é un referente internacional pola súa diversidade e tamén pola antigüidade das súas rochas, o que converte a toda a zona nun importante espazo de traballo no sector da xeoloxía.
Ademais, esta riqueza é a que atrae a Cedeira a múltiples visitantes, tanto no que respecta a expertos na materia como a escolares. De igual modo, é un foco de atracción de visitantes.











