A Deputación presenta en Ribadavia a campaña de reciclaxe de envases

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseProvincias
A-
A+

Na Casa do Concello de Ribadavia tivo lugar a presentación da “Campaña de sensibilización sobre a separación en orixe de envases lixeiros” (bolsa amárela), que desenvolve a Deputación de Ourense en Ribadavia, dentro do convenio de cooperación e asistencia técnica en materia de xestión de residuos sólidos urbanos que leva a cabo a Deputación de Ourense. O acto contou coa presenza do vicepresidente da institución provincial, Rosendo Fernández; o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco, e a xefa de Negociado de Calidade e Avaliación Ambiental da Deputación de Ourense, María Sabas.

Esta semana púxose en marcha esta campaña de sensibilización sobre a separación en orixe da fracción de envases lixeiros (bolsa amarela) en Ribadavia (último concello adherido aos convenios de cooperación e asistencia técnica en materia de xestión de residuos sólidos urbanos, coa Deputación Provincial de Ourense). O obxecto da campaña é informar e asesorar aos veciños de Ribadavia sobre que residuos deben botar no contedor amarelo (ou tamén chamado “contedor de envases lixeiros”), tentando fuxir da idea de que este é o contedor dos plásticos.

A campaña conta coa presenza continuada de dous técnicos do Servizo de Augas e Medio Ambiente da Deputación de Ourense nunha carpa instalada na Praza de Abastos do Concello Ribadavia, durante os días 21 e 22 de decembro, que se encargarán de informar á cidadanía respecto da separación en orixe dos envases lixeiros, así como resolver dúbidas e repartir material divulgativo relacionado coa campaña (bolsas reutilizables para a compra, trípticos informativos… e similares).

O Concello de Ribadavia e a Deputación de Ourense buscan con esta campaña ir un paso mais adiante na liña da sensibilización, non só tentando convencer á cidadanía das vantaxes de reciclar, senón intentando mellorar a calidade da fracción destinada ao contedor amarelo daqueles que xa separan en orixe os seus residuos.

O que se pretende é mellorar a calidade da recollida selectiva para diminuír as porcentaxes de impropios (residuos non considerados como envases lixeiros de plástico, metal ou brik) atopados nos contedores amarelos, para tentar non aumentar os custes deste servizo, en beneficio de todos os veciños do municipio.

26 de decembro de 2012 | 11:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.