A Deputación apoia con 25.000 euros o programa de saúde de Cogami

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá co presidente da Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da Coruña (Cogami), Ramón Sestayo Lestón, un convenio que formaliza a axuda provincial a esta entidade para o financiamento do programa de Promoción da Saúde 2012-2013.

A institución provincial achegará un total de 25.000 euros a esta entidade, o que supón o 80% do orzamento total, que ascende a 31.250 euros. Con esta achega a entidade benéfica, que representa a un total de 23 asociacións e a máis de 7.000 usuarios, poderá facer fronte aos gastos para a contratación do persoal necesario para desenvolver as actividades.

O programa inclúe a celebración de cursos de natación terapéutica-acuoterapia, talleres de logopedia, fisioterapia e un obradoiro de sexualidade, cuxo obxectivo é eliminar as crenzas e mitos no referido á sexualidade entre o colectivo de persoas con discapacidade, tentando trasladar un estilo de vida que contemple a educación para a sexualidade e afectividade integral, sobre todo cando se observa a diario que parte das condutas baséanse na desigualdade, ben sexa por descoñecemento ou por falta de concienciación.

Tras a sinatura, o presidente da federación quixo agradecer á Deputación da Coruña “todo o apoio prestado”, xa que, segundo dixo, “os presidentes das asociacións que eu represento están tremendamente agradecidos tanto ao labor de Diego Calvo como da deputada de Servizos Sociais, Zaira Rodríguez, no seu esforzo por axudar a persoas con discapacidade”.

Engadiu que, pese ao duro momento económico polo que se está pasando, “nós non só recibimos desta administración provincial o mesmo apoio, senón que mesmo nalgúns casos vemos como aumenta o compromiso, e sabemos da dificultade que iso supón e tamén que poucas administracións o fan”.

17 de decembro de 2012 | 11:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.