A Deputación apoia con 65.000 euros os desprazamentos do Liceo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaProvincias
A-
A+

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinou esta mañá co presidente do Hockey Club Liceo un convenio que formaliza a axuda provincial a esta entidade deportiva para o financiamento das actividades deportivas do club coruñés.

A institución provincial achegará un total de 65.000 euros a esta entidade, o que supón o 79,27% do orzamento total, que ascende a 82.000 euros. Con esta achega a directiva do Hockey Club Liceo poderá facer fronte aos gastos derivados dos desprazamentos, o material deportivo, a atención médica e os gastos federativos e derivados do mantemento das categorías inferiores.

A institución provincial, consciente da importancia de impulsar e fomentar a práctica do deporte, asinou co club liceísta varios convenios de colaboración para a posta en marcha de programas de apoio ao hockey sobre patíns ao longo da provincia da Coruña.

Eduardo Lamas agradeceu “a inestimable axuda” que o Liceo recibe con esta axuda por parte da Deputación da Coruña, destacando especialmente “o interese persoal mostrado por Diego Calvo para botar unha man en tempos tan complicados como os actuais”. “A Deputación, o Concello da Coruña e a Xunta foron determinantes para que o equipo poida chegar a conseguir os últimos títulos, entre eles as dúas Copas de Europa e a Copa Intercontinental”, explicou Lamas.

O presidente da Deputación asegurou que desde a institución provincial continuará apoiando ao deporte da provincia “no que poidamos” e asegurou que o Hockey Liceo Coruña “devolve con fartura a axuda que recibe das administracións”.

Xa nun ambiente máis distendido, Calvo e Lamas falaron da boa tempada que están a ter, na que lideran a OK Liga. En canto ao equipo, ambos coincidiron en que “a mocidade e calidade dos xogadores xa indican a proxección tan positiva que, sen dúbida, terán”.

Ademais, estiveron a falar do partido do próximo martes ante o Bassano italiano, para o que o presidente do Hockey Club Liceo recoñece que remontar o anterior resultado non será fácil, “pero este equipo na casa é capaz de facer un 4-0”, explicou.

17 de decembro de 2012 | 11:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.