A Concellería de Limpeza leva á rúa a acción “365 días reciclando”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocalOurense
A-
A+

A concelleira de Limpeza e Medio Ambiente, Susana Bayo, visitou un stand na rúa do Paseo, que recolle as accións desenvoltas polo Concello de Ourense en materia de a reciclaxe ao longo do ano 2012. Nun orixinal formato, un stand con forma de salón dun domicilio común, fai chegar á cidadanía dun xeito cercano unha clara mensaxe: a importancia da reciclaxe e da separación correcta dos residuos, durante todo o ano. Haberá tamén unha sección destinada a xogos e premios para concienciar aos máis cativos da importancia da reciclaxe.

A acción desenvólvese durante toda a semana, en días nos que, con motivo do Nadal, repunta o consumo e a creación de residuos. Así, estará luns e martes na rúa do Paseo -diante do Banco de España-, o mércores na Avenida das Caldas (xunto a Ponte Romana), o xoves na Praza do Couto, e o venres no Xardín do Posío.

Campañas da Concellería en 2012

O stand recolle algunhas das campañas de concienciación que a Concellería de Limpeza desenvolveu ao longo de todo o ano 2012, baixo o eslogan _Ourense é a túa casa_: obradoiros de reciclaxe de aceite e xabón nas asociacións de veciños, campaña de redución das bolsas dun só uso -especialmente enfocada á Praza de Abastos-, campaña de selección e reciclaxe _Oulimpadas_, ou o reforzo da sinalización dos colectores de lixo con consellos incorporados para os cidadáns, entre outras.

A concelleira de Limpeza e Medio Ambiente, Susana Bayo, remarcou a necesidade de continuar traballando _na sensibilización da cidadanía na importancia da reciclaxe nestas datas nas que o consumo é moito maior, sen esquecer o resto do ano_. A concelleira animou á cidadanía a participar e achegarse ao stand, de xeito que _manifesten todas as dúbidas que poidan xurdir con determinados residuos, e coñezan de primeira man as accións que a Concellería de Limpeza está a desenvolver nesta materia

18 de decembro de 2012 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.