A chocolatada de Nadal para maiores celebrarase o día 28
A Área de Persoas Maiores volve a organizar unha nova edición do programa Sabor a Nadal, o tradicional encontro de confraternidade que o departamento que dirixe Ángeles Rodríguez, organiza cada inverno. Como de costume, a celebración incluirá unha chocolatada que poderán degustar todos os asistentes que pertenzan ao colectivo de maiores. A festa terá lugar o venres, 28 de decembro, a partir das seis da tarde, nos salóns do Casino.
Como xa acontecera o ano pasado, a entrada é libre e de balde e non sequera será preciso retirar invitación. O único requisito para poder participar no Sabor a Nadal é pertencer ao colectivo de maiores. A concelleira da Área e outros membros do goberno local pasarán pola festa para compartir cos asistentes uns momentos de celebración e para desexarlles feliz Ano a todos.
O Sabor a Nadal é unha das iniciativas de carácter lúdico que promove a Concellería de Traballo e Benestar, da que depende a Área de Persoas Maiores, co obxecto de crear espazos de convivencia no que as persoas de máis idade teñan a oportunidade de interactuar e de pasar os ratos de lecer de xeito que leven unha vida social activa e gratificante. Xunto con este tipo de iniciativas, o departamento organiza outras actividades que engaden contidos culturais, como as viaxes e excursións; e aquelas que inciden no seu benestar físico e psíquico como os programas de prevención da dependencia, entre outros.











