publicidade hoxe

Convócase o Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2020

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional acaba de convocar o Premio Boas Prácticas de Educación Inclusiva 2020, que nesta segunda edición amplía os centros e realidades educativas que poderán concorrer a el, como é o caso das escolas de educación infantil e as aulas hospitalarias.

Poderán participar nesta convocatoria os centros docentes públicos dependentes da Consellería que desenvolvesen boas prácticas de educación inclusiva durante o curso escolar 2019/20.

A convocatoria divídese en dúas categorías, unha (A) destinada a educación infantil e educación primaria, e outra (B) destinada a educación secundaria obrigatoria, bacharelato, formación profesional, formación de persoas adultas e ensinanzas de réxime especial.

Para cada categoría concederanse catro premios: un primeiro de 5.000 €, un segundo de 2.500 €, un terceiro de 1.000 € e un accésit de 500 €. Ademais, os centros premiados co primeiro premio recibirán o distintivo de Centro Educativo Inclusivo.

A comisión de selección valorará as boas prácticas realizadas a través da memoria presentada xunto coa solicitude de participación, tendo en conta aspectos como a calidade das accións, a coordinación docente, a implicación da comunidade educativa, a repercusión no proceso de ensino-aprendizaxe, a avaliación das accións, ou a súa repercusión a nivel de centro. Nun momento como o actual, de excepcionalidade motivado polo estado de pandemia, prestarase tamén especial atención ao fomento da cultura inclusiva durante a suspensión da actividade lectiva presencial e a realización da actividade educativa a distancia.

Os centros interesados poderán presentar as solicitudes a través do enderezo de correo electrónico inclusioneducativa@edu.xunta.gal no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da citada Resolución no portal educativo da Consellería, rematando por tanto o prazo o vindeiro 30 de xullo de 2020.

Este galardón ten como obxectivo impulsar a atención á diversidade e a inclusión educativa, difundir as boas prácticas de inclusión que se realizan nos centros docentes así como recoñecer o labor que, neste sentido, se está a desenvolverse actualmente nos centros educativos. As iniciativas premiadas poderán ser difundidas pola Consellería como boas prácticas de inclusión educativa, co fin de promover unha escola que compense as desigualdades, na que se axusten as intervencións educativas e o currículo á diversidade do alumnado e, en definitiva, unha educación que garanta o estímulo das capacidades de todo o alumnado e contribúa á creación de contornos e culturas inclusivas.

30 de xuño de 2020 | 11:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.