publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta pon en marcha un programa pioneiro para formar a 1200 autónomos en comercio electrónico e novas canles online

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta de Galicia pon en marcha Autónomos dixitais, un novo programa formativo que pretende reforzar o tecido produtivo galego facilitando a 1200 alumnos o desenvolvemento de competencias en comercio electrónico e novas canles online co obxectivo de mellorar tanto a comunicación cos clientes como o coñecemento dos seus produtos e servizos.

A medida, que xa foi presentada ás asociacións de autónomos máis representativas en Galicia (Agtamar-UPTA, APE e ATA), enmárcase nas accións que o Goberno galego está deseñando dentro do Plan de reactivación económica e complementa tanto as axudas para compra de equipamento dixital como os servizos para facilitar as ferramentas necesarias para impulsar un cambio de tendencia no colectivo autónomo.

O programa ofrecerá dúas accións formativas online de 50 horas lectivas cada unha centradas na mellora de habilidades no eido da xestión loxística, o márketing, a venda online e a creación de tendas virtuais. En concreto, Fundamentos para a creación dun proxecto de comercio electrónico e Especialista en e-commerce.

As persoas que realizan unha actividade económica por conta propia interesadas nestes cursos poden solicitar a súa praza ata o 22 de xullo cubrindo un formulario web na páxina https://www.autonomosdixitais.com. Os cursos iniciaranse todos os xoves a partir do 21 de maio e o último comezará o 23 de xullo.

Con este novo programa a Xunta mantén a súa aposta pola formación como a mellor ferramenta para avanzar nun emprego de calidade e na mellora competitiva das empresas galegas e responde ao compromiso asumido co colectivo autónomo para achegar ferramentas que posibiliten a transformación dixital dos seus negocios.

12 de maio de 2020 | 15:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.