publicidade hoxe

Máis de medio cento de axentes medioambientais realizan labores de voluntariado para veciños do rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Un total de 58 axentes medioambientais adscritos á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xa están prestando desde hoxe o novo servizo de voluntariado en zonas rurais para garantir a cobertura das necesidades básicas de persoas maiores ou con algún tipo de discapacidade. Concretamente, hai 14 axentes dispoñibles na provincia da Coruña, 14 na de Lugo, 16 en Ourense e 14 en Pontevedra.

Este programa, aprobado polo Consello da Xunta o 27 de marzo no marco das medidas que se están a impulsar fronte á crise do Covid-19, lévase a cabo en coordinación e contacto directo cos servizos sociais dos concellos, que son os que coñecen de primeira man as necesidades que poden ter no actual estado de alarma os colectivos máis sensibles ou que viven sos no rural galego.

De feito, hoxe mesmo, o persoal da Consellería púxose en contacto cos alcaldes dos concellos dos distritos nos que actuarán estes efectivos, para reiterarlles a dispoñibilidade dos mesmos nas funcións de asistencia rural necesarias e detectadas pola Administración local; sobre todo naqueles concellos de menos poboación. As primeiras tarefas, realizadas dende a xornada de hoxe, consistiron en labores de vixilancia para o manter o confinamento.

Entre as tarefas que asumen os axentes medioambientais participantes nesta iniciativa de voluntariado figuran a vixilancia e o contacto visual e telefónico coas persoas maiores ou con discapacidade que viven soas en zonas rurais pouco poboadas ou de difícil acceso. Trátase, en definitiva, de manter un seguimento de carácter social daqueles colectivos máis vulnerables e que viven illados, co fin de atender as posibles necesidades que xurdan ou detectar cambios no seu estado de saúde, tanto física como mental.

Así, os axentes acoden no seu vehículo oficial ás vivendas das persoas que precisen deste tipo de axuda ou contactan con eles vía telefónica. Deste xeito, preténdese ofrecer confianza e tranquilidade ás persoas illadas, coñecer de primeira man como se atopan e sobre todo, reportar información fiable e de interese para os servizos sociais municipais sobre o estado dos seus veciños.

Así mesmo, os efectivos adheridos ao programa tamén poden levar a cabo actuacións de vixilancia nos camiños rurais e en espazos naturais, fundamentalmente incluídos en Rede Natura, para facer cumprir as medidas de confinamento decretadas polo estado de alarma. En caso de que observen algún incumprimento, realizarán a correspondente denuncia.

A prestación destes traballos voluntarios, en todo caso, quedará supeditada á realización de calquera dos servizos esenciais propios das funcións que ten atribuídas en exclusiva o colectivo dos axentes medioambientais.

Na actualidade, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda dispón de 146 axentes medioambientais repartidos por diferentes distritos e zonas, cos que se abrangue a totalidade do rural galego. A adhesión a este programa de apoio social é voluntaria aínda que en atención á seguridade e á saúde dos traballadores, non poden participar no mesmo nin prestar os servizos esenciais propios do seu traballo o persoal considerado vulnerable fronte ao coronavirus.

Neste sentido, quedan fóra do programa de voluntariado os axentes medioambientais maiores de 60 anos, e aquelas persoas diagnosticadas de hipertensión arterial, diabetes, enfermidades cardiovasculares, enfermidades pulmonares crónicas, cancro, inmunodeficiencias ou as embarazadas polo principio de precaución.

2 de abril de 2020 | 20:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.