publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A historia da matanza do porco en Galicia preséntase na Estrada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA EstradaLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Portada do libro

Portada do libro

A Casa das Letras da Estrada acolle este xoves 12 de marzo, ás 20.00 h, a presentación do libro “A matanza do porco. Cultura e tradición” publicado por Edicións Fervenza, e da autoría de Xoán Carlos García Porral.

No acto, o autor estará acompañado pola profesora Mónica Mato, o normalizador lingüístico do Concello da Estrada, Xosé Lueiro; e o alcalde do Concello da Estrada, José López.

A obra

En tapa dura e con fotografías a toda cor, esta nova publicación de Porral érguese como o primeiro libro en recoller a tradición cultural que se agocha no proceso da “matanza do porco” e que, segundo a área xeográfica, presenta certas peculiaridades dignas de estudo e observación. Recóllese a oralidade dunha tradición tan ancestral como é a matanza do porco por distintos puntos de Galicia, concretamente obtendo información oral nos concellos de Campo Lameiro, Castroverde, Chantada, O Corgo, Dozón, A Estrada, A Fonsagrada, Lalín, Mondariz, Oroso, Pedrafita do Cebreiro, Ribadeo, O Riós, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Santiago de Compostela, Sanxenxo, O Saviñao, Silleda, Trabada, Vedra, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.

Trátase pois dunha obra que detalla secuencialmente os distintos traballos que conleva a matanza, comezando xa desde a etapa de cebo do animal e finalizando coa curación da carne. Todo isto sen deixar de lado aspectos tan importantes como o significado festivo desta reunión de familiares e veciños arredor dunha mesa chea de viandas, o rico e variado vocabulario existente para denominar os distintos tipos de embutidos, os rituais ou crenzas supersticiosas desta cerimonia multisecular, así como os roles de homes e mulleres á hora de realizar cada unha das tarefas. É pois, unha investigación feita desde un punto de vista antropolóxico, etnográfico, lingüístico e cultural, como parte da nosa identidade colectiva. 

“A matanza do porco”, máis alá dun pormenorizado estudo sobre o proceso da mata, é un exercicio de memoria antropolóxica de costumes, rituais e traballos que esmorecen ou que en moitos casos xa só perduran na lembranza. É por iso que este libro supón unha homenaxe ao seu protagonista, o porco, animal venerado durante doce meses (“Non era mala vidiña, se durase…” dicíalle o burro nunha das maxistrais Cousas de Castelao) mais ao que sempre lle chega o seu San Martiño, día de festa na casa e remedio de fame para o ano. Lacóns, cacheiras, chourizos, ósos de soá, paxarela… as distintas partes deste totémico animal reciben a súa pequena exaltación neste libro, porque, parafraseando a John Barlow: do porco, todo menos o cuiñar…

Colaboracións

Esta publicación, editada por Edicións Fervenza, contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O autor

Xoán Carlos García Porral (Goiás, Lalín -Pontevedra-, 1974) Obtivo o grao de Doutor en Antropoloxía Social pola USC cunha tese sobre a modernización do rural mantendo a tradición cultural.

Conta cun Máster en Técnicas de Xestión Integral do Patrimonio Cultural polo CSIC e a USC. A súa actividade investigadora céntrase na difusión do patrimonio histórico-cultural da Comarca de Deza. Froito dela son os libros Goiás, vida dunha parroquia rural galega (Seminario de Estudios de Deza, 2002); Realidade eclesiástica do concello de Lalín na época postridentina (Seminario de Estudios de Deza, 2006, en coautoría con Óscar González Murado); Modernización rural e tradición cultural  (Lóstrego, 2008); Lendas castrexas. Antropoloxía da tradición oral no concello de Lalín (Lóstrego, 2010); De Balbino a hoxe. Cambios e transformacións na aldea  (Lóstrego, 2012); e O mundo dos castros. A comarca de Deza (Faro de Vigo, 2014, en coautoría con Antonio Presas García).

Como profesor no IES Pintor Colmeiro de Silleda e membro do seu Equipo de Normalización Lingüística, impulsou o proxecto A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, que resultou gañador do IX Proxecto Didáctico Antonio Fraguas do Museo do Pobo Galego (2014-15).

Ten publicada unha ducia de artigos nas revistas Descubrindo, A trabe de ouro e Lucensia, ademais de ser colaborador no xornal Faro de Vigo. Na teima de difundir o patrimonio inmaterial e o mantemento da identidade cultural no rural, imparte charlas en colexios, institutos, congresos e cursos de formación. Froito desta inquedanza e en colaboración con Antonio Presas García e Celso Fernández Sanmartín, no 2015 naceu o folleto 22 gramos de ouro.

Publicou o libro de relatos, ambientado no rural, O último caseiro (Edicións Fervenza, 2017), a obra de investigación De mouros, mouras e tesouros. A Comarca de Deza (Edicións Fervenza, 2017) e As tres mouras da Fonte Lantana (Edicións Fervenza, 2019).

10 de marzo de 2020 | 16:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.