publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Talía Teatro ocupa o Salón Teatro con catro funcións de ‘Vida de cans’ e pases escolares de tres espectáculos

A compañía galega Talía Teatro ocupa durante toda esta semana a carteleira do Salón Teatro de Santiago, onde está a desenvolver pases matinais para escolares de tres dos seus espectáculos, ademais de ter programadas catro funcións xerais dun deles, Vida de cans, que poderá verse do xoves 23 ao domingo 26.

Cándido Pazó volve colaborar con Talía como autor e director desta proposta, que Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo interpretarán sobre o escenario da sede do Centro Dramático Galego ás 20,30 h. do xoves ao sábado e ás 18,00 h. o domingo. O mesmo xoves ofrecerán tamén dous pases ás 10,30 e 12,00 h. para o alumnado de diferentes centros educativos, que se integran na campaña escolar que a compañía desenvolve esta semana e na que se inclúen, así mesmo, as súas dúas coñecidas montaxes sobre a lingua galega: Bicos con lingua e Pelos na lingua.

Vida de cans, que a compañía subtitula como Alegoría canina en cinco ladridos escénicos, é unha comedia metafórica sobre o concepto de liberdade, na que se abordan cuestións humanas a través de tres personaxes caninos. Os tres atópanse encerrados nun amplo recinto que lles preparou o seu amo, pero que, a pesar de todas as comodidades, non deixa de ser unha reclusión que cada un afronta de xeito diferente segundo a súa personalidade.

Con máis de 30 anos de traxectoria, Talía Teatro é na actualidade unha das compañías galegas con maior capacidade de produción e distribución, como demostra o seu amplo catálogo de espectáculos en cartel no que, ademais dos devanditos tres títulos, se atopan propostas como Lambetadas, A primeira vez ou Rosa caramelo e outras historias, entre outras.

As entradas para as catro funcións de Vida de cans en Santiago están á venda na web entradas.abanca.com e no teléfono 902 434 443. No despacho de billetes do teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu importe é de 10 euros, cos descontos habituais, de xoves a sábado, e de 6 euros (prezo único) o domingo, Día do Espectador no Salón Teatro.

21 de xaneiro de 2020 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.