publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Galicia busca posicionarse como destino econáutico europeo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe no evento piloto promocional de Sensea, unha iniciativa de turismo mariñeiro inclusivo enmarcada no proxecto Ecodestin_3IN e que busca posicionar a Galicia como destino econáutico europeo. Con ela, engadiu a titular de Mar, tamén “pretendemos poñer en valor os destinos naturais, culturais e náuticos de Galicia como destinos accesibles e integradores”.

Neste sentido, Rosa Quintana puxo en valor Sensea como “unha iniciativa que persegue continuar na aventura aperturista de Galicia ao exterior e a todos os colectivos sen excepción”. Para iso, indicou, “ Galicia debe ser voceira de promoción e divulgación do seu patrimonio mariñeiro e náutico e un destino de referencia único, pola súa innovadora e mellorada oferta de produtos e itinerarios turísticos, como os que forman parte de Sensea”.

Nesta liña, a conselleira sinalou que as actividades náuticas tradicionais, as deportivas e as recreativas forman parte dos portos galegos e dos seus usos e da relación entre Galicia e o mar. Isto demostra, subliñou, que a relación entre Galicia e o mar “vai alén da actividade pesqueira, marisqueira e acuícola”. Este binomio, engadiu Rosa Quintana, é fonte de xeración de riqueza, axente de creación de emprego local, orixe de dinamismo social e turístico e símbolo da cultura integradora e da accesibilidade.

Todos estes recursos, destacou a conselleira, deben ser aproveitados e para iso “debemos escoitar o que nos están a dicir as novas tendencias de consumo turístico e facer o esforzo por orientar esta actividade a un mercado de futuro”. Isto obedece á prioridade que temos desde a Administración autonómica de achegar as bondades do noso mar a toda a comunidade e ao obxectivo de facer espertar o interese por navegar”. Sensea, explicou a titular de Mar, é un bo exemplo para contribuír a eses obxectivos, pois “créase unha expectativa de navegación única e completa para entender como se vive en Galicia do mar”.

Sensea

Sensea nace do labor previo desenvolvido polo equipo de Sentir o Mar, formado por profesionais do ámbito educativo, social e turístico, que demostraron que, alén da vista, existen un milleiro de formas de experimentar, vivir e transmitir o mar. Con esta iniciativa propiciouse que persoas con diferentes discapacidades se achegasen, gozasen e sentisen o mar, tendo a oportunidade de formar parte del a través de experiencias turísticas relacionadas coa cultura mariñeira.

Agora con Sensea búscase dar resposta a distintos aspectos recollidos no proxecto Ecodestin_3IN, financiado co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e no que a Consellería do Mar participa como beneficiario do proxecto. Estes aspectos son os de valorizar os destinos naturais e culturais en terra, río e mar como destinos accesibles, intelixentes, internacionais e integradores; promocionar novos produtos do sector econáutico e dos destinos naturais, culturais e náuticos accesibles e presentar novos produtos e itinerarios dirixidos a diferentes colectivos. Ten como destinatarios ás empresas e entidades que ofrecen produtos náuticos, para que poidan desenvolver novas ofertas, os municipios, diferentes entidades e os portos, entre outros.

Na xornada promocional de Sensea de hoxe participan 15 persoas con discapacidade visual e mobilidade reducida as súas familias e usuarios da Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta de Ponteareas. Tamén participan desde a ONCE 20 estudantes. Durante o acto Rosa Quintana recoñeceu o seu labor xunto ao do resto de empresas colaboradoras.

Ademais do evento de presentación, no que a conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, a xornada de hoxe inclúe a visita á confraría de pescadores e á lonxa de Baiona, á que tamén asistiu a titular de Mar. A ruta do percebe é outra das actividades para coñecer a dureza e a dificultade do traballo dos percebeiros e a ela súmase a navegación inclusiva a vela desde o Monte Real Club de Yates ata as illas Estrelas. Ademais realizarase a visita a un barco de baixura na que se aprenderá a diferenciar as tipoloxías de embarcacións pesqueiras e as tarefas que se realizan nel.

2 de agosto de 2019 | 14:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.