publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Patricia Argerey destaca o papel do Itmati na transferencia da matemática á industria

Intervención de Patricia Argerey na conferencia

Intervención de Patricia Argerey na conferencia

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, destacou o importante papel que desempeña o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati) na transferencia de coñecemento á industria, un eido de grande importancia porque é o vehículo a través do que a ciencia e a tecnoloxía participan no desenvolvemento económico e social. Neste senso, Argerey subliñou que os grupos de investigación das tres universidades galegas adscritos ao Itmati teñen máis de 30 anos de experiencia en transferencia de coñecemento a empresas e máis dun cento de clientes, e puxo de exemplo a Unidade Mixta de Investigación que coordinou o ITMATI coa compañía Repsol, durante o período 2014-2017, para investigar métodos matemáticos e numéricos que permitan resolver problemas recorrentes da actividade da empresa de hidrocarburos.

Ademais, puxo de relevo a internacionalización do centro, que está presente en múltiples iniciativas a nivel europeo, como tres proxectos apoiados por Horizon2020, a súa participación en 24 encontros internacionais e contratos asinados con entidades estranxeiras. Recoñeceu tamén a contribución do Itmati á consolidación do grande potencial da matemática industrial en Galicia e á demostración de que un novo concepto de centro tecnolóxico, fortemente ligado ás universidades, é posible, incorporando a I+D+i dun xeito natural, a investigación pola súa vinculación ao ámbito universitario e o D+i, levados a cabo baixo a demanda da industria.

A directora de Gain fixo estas declaracións no acto de apertura da I Conferencia sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria (CTMI 2019), organizada polo Itmati e a Rede española de Matemática-Industria (Math-in). No acto, celebrado na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), participaron, ademais da directora de Gain e membros de Itmati, representantes da USC, da Universidade de Coruña (UDC) e de Math-in.

A conferencia

A I Conferencia sobre Transferencia entre Matemáticas e Industria, apoiada pola Xunta de Galicia, reúne entre hoxe e o mércores en Santiago de Compostela a expertos internacionais no ámbito da empresa, da ciencia e do mundo académico. Os principais obxectivos deste encontro son difundir as ferramentas da Estatística, o Big Data e a Modelaxe, Simulación e Optimización (MSO) e a súa aplicación industrial; dar a coñecer as novas liñas de investigación orientadas ás necesidades da industria e da sociedade en xeral; renovar o currículo neste campo e a todos os niveis educativos; e internacionalizar a colaboración Industria-Academia.

A Axencia Galega de Innovación (Gain) participa nesta conferencia organizando reunións bilaterais, no marco da Enterprise Europe Network (EEN), orientadas a promover a cooperación entre as empresas e os grupos de investigación, dando a coñecer posibles socios para a colaboración e fortalecendo, deste xeito, os procesos de transferencia de tecnoloxía. En Galicia, estase abordando este impulso á transferencia a través do desenvolvemento de novos instrumentos propios, como as Unidades Mixtas de Investigación, alianzas entre unha empresa e un centro de coñecemento para desenvolver de forma conxunta e coordinada proxectos estratéxicos para Galicia; a Compra Pública Innovadora, un novo instrumento de contratación que permite fomentar a innovación desde a demanda; ou iniciativas de incubación e aceleración como as business factories, entre outras.

22 de xullo de 2019 | 14:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.