publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta publica a aprobación do proxecto de construción de dúas sendas peonís na estrada OU-537, en San Cibrao das Viñas, e na OU-536, na Derrasa, no Pereiro de Aguiar

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e o proxecto de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada OU-537, na contorna dos parques empresariais, e outro na OU-536, na Derrasa, nos municipios de San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar.

Trátase da execución de dous treitos de senda mixta peonil e ciclista, segura e accesible, nestas vías autonómicas, á que o departamento de Infraestruturas da Xunta destina un investimento de máis de 1 millón de euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten prevista a licitación do contrato de obras no outono para a súa execución en 2020.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: http://xurl.es/972×5

O proxecto define un itinerario na marxe dereita da estrada autonómica OU-537, a vía dos parques empresariais, cunha lonxitude aproximada de máis de 2 quilómetros, entre a intersección coa OU-101, na Medorra, e a intersección coa OU-536, na Derrasa.

A outra senda proxéctase na marxe esquerda da OU-536, desde o punto quilométrico 7+080, á altura da ponte sobre o río Loña, no trazado da antiga estrada, frecuentada por peóns pola proximidade do encoro de Cachamuíña, ata o paso de peóns do punto 8+080, na Derrasa.

As sendas terán un ancho mínimo de 1,8 metros na OU-537 e de 2,5 metros na OU-536, e irán separadas da calzada por unha cuneta de seguridade e por unha banda axardinada nalgúns tramos, segundo as necesidades de cada subtreito. Executaranse con formigón coloreado.

Plan de sendas

Estas actuacións, que serán cofinanciadas con Fondos Feder 2014/2020 para o fomento da mobilidade sustentable, están enmarcadas no Plan de sendas na comarca de Ourense. Esta intervención supón o inicio da tramitación para a materialización dos primeiros 3 quilómetros de sendas dos máis de 15 previstos para esta bisbarra.

Este plan ten como obxectivo incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, posto que son os usuarios máis vulnerables das estradas. Tamén busca promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular.

15 de xullo de 2019 | 14:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.