publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta estuda a ampliación dunha unidade na escola infantil de Ponteceso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontecesoPortada dereita
A-
A+

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe, acompañado de responsables municipais e técnicos do Consorcio, a escola infantil de Ponteceso, pertencente á rede autonómica da Galiña Azul. O obxectivo da visita foi o de valorar a posta en marcha dunha nova unidade no centro.

Perfecto Rodríguez sinalou que esta nova aula se habilitaría nun espazo xa existente neste equipamento e permitiría incorporar ás nenas e nenos que quedaron sen praza e a aqueles que a poidan solicitar no período extraordinario, que remata o 31 de agosto. A nova aula entraría en funcionamento no mes de outubro, que é a data na que se incorporan os novos matriculados.

Durante a visita puideron constatar a idoneidade de acondicionar o espazo que agora se emprega como aula de psicomotricidade. Perfecto Rodríguez explicou que as actuacións de acondicionamento deberá de executalas o concello e será a Xunta de Galicia, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, quen as financie, xa que o importe das mesmas será compensado nas liquidacións que emite o Consorcio ao concello.

Tamén destacou a importancia da colaboración entre administracións, xa que en casos coma este, permite que se poidan valorar e acelerar as intervencións e dar resposta así á demanda das familias.

A escola infantil de Ponteceso ten na actualidade unha capacidade de tres unidades e 45 prazas. A Xunta de Galicia ten como prioridade facilitarlle ás familias recursos de conciliación, ademais de optimizar os xa existentes. Con esta actuación ampliaríase a oferta de prazas neste municipio coruñés e a súa contorna.

17 de xullo de 2019 | 14:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.