publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Cetmar participa na realización de once estudos de caso para obter melloras no eido da acuicultura en augas do Atlántico

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Sen categorizar ▼
A-
A+

Técnicos do Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, traballarán os vindeiros catro anos da man de expertos de 36 institucións científicas e da industria na busca de solucións innovadoras que melloren a produción, os procesos e os produtos da acuicultura no Atlántico.

O proxecto AquaVitae, financiado pola Unión Europea a través do programa Horizonte 2020 e cun orzamento de 8,5 millóns de euros, ten como obxectivo o estudo de organismos da base da cadea alimentaria, dos seus procesos de cultivo e de novos produtos no ámbito da acuicultura mariña.

Os traballos levaranse a cabo en torno a cinco cadeas de valor, como é o caso das macroalgas, a acuicultura integrada multitrófica, especies de equinodermos (ourizos de mar), moluscos e peixes. Os esforzos centraranse no desenvolvemento de novos produtos, na optimización da produción na industria actual e na aplicación da economía circular na acuicultura, todo isto a través de 11 estudos de caso.

Baixo a coordinación do Instituto Noruego de Investigación de Alimentación, Pesca y Acuicultura (Nofima), o consorcio AquaVitae reúnese por primeira vez entre onte e mañá en Tromso para o encontro de lanzamento do proxecto, que finalizará en 2023.

Xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar participan nesta investigación outras 36 entidades -tres delas españolas- pertencentes a 16 países de catro continentes. Ademais de en Europa, os socios están situados en países bañados polo océano Atlántico, como é o caso de Brasil, Sudáfrica, Namibia e Norteamérica.

A Fundación Cetmar liderará os traballos sobre coñecemento, comunicación e formación e a interacción coas partes interesadas e participará noutros relacionados co marco legal da acuicultura, análise socioeconómica e seguridade alimentaria.

5 de xuño de 2019 | 16:54 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario