publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Román Rodríguez agradece a Martín Berasategui que sexa “un exemplo para os alumnos do CSHG e un faro para os profesionais”

PUBLICADO EN: Noticias de Galicia ► Sen categorizar ▼
A-
A+
Román Rodríguez xunto a Martín Berasategui

Román Rodríguez xunto a Martín Berasategui

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, entregou hoxe no Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) o Premio Nacional de Gastronomía Tradicional Lola Torres ao chef Martín Berasategui como recoñecemento o seu importante labor na innovación da cociña vasca, española e mundial.

Ao longo do acto, no que tamén estivo presente a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, o titular de Cultura e Turismo agradeceu que o cociñeiro vasco sexa un aliado da nosa Comunidade que aposta, sempre que pode, pola materia prima galega. “Grazas por ser un faro para orientar o traballo de moitos profesionais e por ser un exemplo para os alumnos deste centro”, destacou Román Rodríguez, que asistiu á masterclass que o cociñeiro impartiu previamente.

Na súa intervención, o titular de Cultura e Turismo lembrou que as últimas enquisas indican que a enogastronomía “se consolida como unha das principais razóns pola que os turistas elixen visitarnos”. Tanto é así que a gastronomía, a natureza, a paisaxe cultural e a tranquilidade son as principais motivacións para visitar a nosa Comunidade.

Martín Berasategui conta con 10 Estrellas Michelin, unha cifra que non supera ningún outro chef en España e que o sitúa no terceiro posto a escala mundial. A súa candidatura para gañar este premio foi escollida entre 139 propostas, entre as que había restaurantes de toda España e tres de Portugal.

Na actualidade, Berasategui dirixe varios restaurantes en todo o mundo nos que Galicia está moi presente: a carne de vaca que sirve nos seus locais procede de Bandeira (Silleda), moitos dos pescados e mariscos que prepara saen das nosas rías e os ovos que utiliza son de galo celta. A esta aposta polos produtos galegos hai que sumarlle que moitos dos profesionais que traballan no seu equipo son galegos.

Premio Lola Torres

O Premio Nacional de Gastronomía Tradicional Lola Torres é convocado anualmente pola Fundación Amigos de Galicia, coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e o Concello do Grove.

Este galardón naceu no ano 2002 co obxectivo de resaltar a gastronomía de aqueles restaurantes e cociñeiros que leven máis de 25 anos traballando e ofrecendo pratos de cociña tradicional. Ao longo destes anos foron galardoados profesionais da cociña española como Juan Mari Arzak, Monstserrat Fontanet, que abriu xunto co seu marido o restaurante Can Roca, Pedro Subijana ou Lucio Blázquez.

A cita serve ademais para homenaxear a Lola Torres, unha muller adiantada ao seu tempo que desde os fogóns do restaurante Finisterre, no Grove, apostou pola innovación e conseguiu elevar de nivel e mellorar pratos tradicionais da gastronomía galega. “Non podemos esquecer que todo o que temos hoxe basease no que fomos onte e que ningún destes recoñecementos sería posible sen o labor de cociñeiros que, como Lola Torres, traballaron para ter unha Galicia cada vez mellor”, salientou o conselleiro.

3 de maio de 2019 | 13:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.