publicidade hoxe

Seis empresas audiovisuais conforman a delegación galega no mercado MIPTV de Cannes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O mercado MIPTV arranca hoxe na localidade francesa de Cannes, ata onde se desprazou unha delegación do audiovisual galego baixo a marca Films from Galicia, promovida pola Xunta. As empresas CTV, DocsHub, Portocabo, Somadrome, Treeline Distribution e Voz Audiovisual participan xunto coa Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), da Consellería de Cultura e Turismo, nesta misión institucional e comercial á que é a meirande feira mundial para a comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos dixitais para televisión.

Trátase, ademais, dunha das oito citas obxecto da recente convocatoria de subvencións para a asistencia a mercados e foros internacionais do sector, publicada no DOG o pasado 25 de marzo. As produtoras e distribuidoras que integran as delegacións galegas poden optar a estas axudas, mediante as que a Agadic sistematiza o apoio ao seu traballo de internacionalización asumindo parte dos gastos de desprazamento, aloxamento e rexistro nestas feiras dunha persoa por empresa.

Como en anos anteriores, o punto de encontro da delegación galega en MIPTV é o espazo da marca Films from Galicia dentro do pavillón español, organizado polo ICEX España Exportación e Inversiones en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal.

Baixo esta mesma marca, dedicada á promoción internacional do audiovisual de produción galega, a Agadic está a distribuír a nova edición do seu catálogo de produtos cinematográficos e televisivos, que no apartado TV from Galicia recolle tres proxectos en coprodución internacional encabezados por compañías galegas (Unha casa en Amargura, de Ficción Producciones; Auga seca, de Portocabo; e Garbo: o espía que enganou a Hitler, tamén de Portocabo con Vaca Films), ademais de seis series e filmes para televisión xa rematados.

O MIPTV en Cannes, que se celebra ata o vindeiro xoves, reúne cada ano uns 11.000 profesionais dun centenar de países, entre os que preto de 4.000 se rexistran como compradores.

8 de abril de 2019 | 16:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.