publicidade hoxe

O luns ábrese o prazo para que o persoal da Xunta solicite o acceso preferente en sete escolas infantís públicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O próximo luns día 8 abrirase o prazo para que o persoal da Xunta de Galicia solicite o acceso preferente en sete escolas infantís públicas para o curso 2019/2020. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se convoca o procedemento de adxudicación que estará aberto ata o martes 23 de abril.

Esta resolución beneficia tanto ao persoal dos servizos centrais como ao das xefaturas territoriais da Administración autonómica. Desta maneira, son sete as escolas infantís con prazas con acceso preferente para este persoal. Así, adxudicaranse prazas para a Escola Infantil de Santa María de Oza, na Coruña; a de Catabois, en Ferrol; a de Vite, en Santiago de Compostela; a de Sagrado Corazón, de Lugo; a Escola Infantil Antela, de Ourense; a escola do Edificio administrativo de Pontevedra; e a de A Estrela do Complexo administrativo de Vigo.

O 31 de maio publicaranse as listas de admisións e abrirase un prazo de 8 días hábiles para realizar a matriculación do pequeno ou pequena. Hai que ter en conta que, ademais do impreso da matrícula, tamén será necesario achegar unha copia da cartilla de vacinación do neno ou nena na que se corrobore o cumprimento do calendario do Programa Galego de Vacinación.

Cómpre destacar que as persoas solicitantes poden optar no procedemento por unha atención educativa con ou sen comedor. Aínda así, os nenos ou nenas que teñan concedida a praza sen servizo de comedor poderán facer uso deste recurso en días soltos, sempre que se comunique á dirección do centro con antelación suficiente e se aboe o prezo estipulado.

5 de abril de 2019 | 13:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.