publicidade hoxe

Galicia despide un marzo cálido, con temperaturas medias 0,44 graos por riba dos valores habituais para a serie histórica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O mes de marzo que acaba de rematar caracterizouse en Galicia por ser un período cálido pero normal en canto ás chuvias rexistradas. Esta é a principal conclusión do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, no que se comparan os rexistros de temperatura e chuvia do mes pasado co período histórico de referencia 1961-2019.

Así, marzo caracterizouse por presentar unhas temperaturas máis elevadas do habitual no conxunto da comunidade, cunha anomalía de 0,44 graos con respecto aos valores medios históricos. En todo caso, non hai que remontarse moi lonxe para atopar un precedente máis cálido xa que en marzo de 2017 os termómetros rexistraron un valor medio 0,62 graos por riba do normal.

A explicación a estes datos hai que buscala nas sucesivas situacións anticiclónicas que viviu a comunidade nas últimas tres semanas, con máximas moi elevadas durante o día (e unha anomalía media de 1,41 graos) e temperaturas mínimas baixas que se rexistraban especialmente na franxa nocturna (0,53 graos por debaixo do normal). De feito, un dos aspectos que se resaltan no informe de MeteoGalicia é a gran oscilación térmica entre os valores máximos e mínimos rexistrados durante a segunda quincena do mes.

A situación de calor foi xeneralizada en toda Galicia aínda que destacan situacións como a da comarca do Ribeiro, onde se rexistraron as temperaturas máximas máis elevadas da comunidade, cun valor medio próximo aos 21 graos; ou no extremo contrario a de Manzaneda e Pena Trevinca, cunha temperatura máxima media de 7 graos.

Polo que respecta ás precipitacións, a situación foi bastante acorde ao esperado. Así, segundo a caracterización que se recolle no informe, marzo foi un mes normal desde este punto de vista aínda que coa particularidade de que o número de días de chuvia si estivo por debaixo do normal. Así, os datos de MeteoGalicia apuntan a que se recolleu un 12% menos de auga do habitual atendendo ao período histórico de referencia e o groso das chuvias se concentraron en tan só tres xornadas de comezos de marzo.

A calidez do pasado mes de marzo e a situación de normalidade en canto ás precipitacións contrasta cos datos rexistrados nesta mesma época o ano pasado. De feito, marzo de 2018 caracterizouse por ser o máis frío da serie histórica desde o punto de vista das temperaturas máximas (cunha anomalía 1,41 superior á media) e o segundo máis húmido (xa que choveu case tres veces máis do agardado segundo os valores históricos).

3 de abril de 2019 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.