publicidade hoxe

Carmen Pomar salienta a importancia de eventos como a Feira de educación de Ribeira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaPortada dereitaRiveira
A-
A+
Carmen Pomar na inauguración da Feira de Educación de Ribeira

Carmen Pomar na inauguración da Feira de Educación de Ribeira

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou esta mañá na apertura da Feira da educación do municipio coruñés de Ribeira, unha cita que se prolongará ata o 7 de abril e que organizan en colaboración o Concello e os distintos centros de ensino da localidade. No acto a conselleira estivo acompañada polo alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas.

Carmen Pomar destacou a importancia deste tipo de eventos para orientar a estudantes, familias e docentes nunha oferta formativa moi ampla e variada. Así mesmo, explicou que a feira ribeirense mestura actividades de lecer con outras con maior obxectivo académico e destacou o axeitado do formato dos obradoiros que se ofrecerán neste evento. Trátase de actividades “que permiten ao alumnado experimentar por si mesmos en eidos como a robótica, as artes plásticas ou o medio ambiente”.

Neste sentido a titular do departamento educativo da Xunta agradeceu o labor de equipos directivos, docentes, Administración local e, en xeral, de toda a comunidade educativa ribeirense na organización desta feira, que ten ademais como obxectivos transversais valores como “a convivencia, a colaboración ou a solidariedade, que están presentes a diario nas aulas”.

Tras a inauguración, e da man de Pablo Díaz, celebrouse o concerto Coas miñas mans, unha actividade incluída na programación da Rede de Dinamización Lingüística que contribúe á aprendizaxe de números, cores ou comidas, entre outros conceptos. Ao longo dos cinco días de feira desenvolveranse arredor de 50 actividades, entre as que se ofertarán obradoiro creativos, de drons, de robótica educativa, de deseño gráfico, de baile tradicional, de cantos para bebés ou de reciclaxe. Así mesmo celebraranse concertos, tanto para público infantil como para adultos, e o festival de curtametraxes infantís Festivaliño.

Ademais, representantes de once universidades de diversos puntos do Estado ofrecerán relatorios sobre a súa oferta formativa, dirixidos en especial á rapazada que está a piques de iniciar a súa formación superior. O programa inclúe tamén actividades en homenaxe a Luís Seoane e a Antón Fraguas, homenaxeados este ano no Día das Artes Galegas e no Día das Letras Galegas, respectivamente.

A feira permanecerá aberta de 10 a 14 horas e de 16 a 21 horas e está situada no Espazo Municipal de Usos Múltiples. A entrada a todas as actividades é de balde.

3 de abril de 2019 | 17:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.