publicidade hoxe

O CHUAC leva realizados máis de 6.000 transplantes de órganos sólidos dende o ano 1981

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+
O conselleiro de Sanidade no CHUAC

O conselleiro de Sanidade no CHUAC

O ano 2018 estivo marcado polo aumento da actividade transplantadora, fundamentándose principalmente na consolidación da doazón en asistolia controlada e na detección de donantes extra-UCI.

A cifra total de transplantes realizados ao longo do pasado exercicio sitúase na maior da serie histórica con 261 transplantes de órganos sólidos, permitindo situar ao CHUAC, un ano máis, entre os hospitais con maior actividade transplantadora a nivel nacional, o que reflexa a gran implicación que presentan os distintos servizos médicos e cirúrxicos do hospital participando activamente no proceso asistencial dos pacientes transplantados.

Os programas de transplante renal e hepático realizaron un gran esforzo, logrando a súa maior actividade transplantadora na historia do noso centro (131 e 70 transplantes, respectivamente).

O transplante de ril de donante vivo segue tendo un importante peso no programa renal, mantendo porcentaxes que duplican a media estatal.

En canto ao programa de transplante cardíaco, con 25 inxertos, un ano máis estivo liderando a actividade transplantadora en España, sendo o terceiro hospital en número de transplantes.

Non debemos esquecer o programa de transplante pulmonar, pois o ano pasado rexistrou máximos históricos en transplante de pulmón a nivel nacional con 33 inxertos.

Ademais de destacar o impulso que mantén o programa de tecidos superando os140 doantes anuais.

En canto á taxa de doazón, esta aumentou significativamente ao longo do ano 2018, pasando a obter a maior cifra histórica ata o momento, con 68 doantes de órganos.

Este éxito débese fundamentalmente a tres factores. Un primeiro factor é o importante descenso das negativas familiares, situándoo nun 6,67%, cifra significativamente inferior á media nacional (14,8%), conseguido a expensas das campañas de divulgación e información que se veñen realizando dende hai anos por parte da oficina de coordinación e pola organización nacional de transplantes.

Un segundo factor débese ao aumento do número de doazóns en asistolia controlada, que representan o 25% das doazóns totais.

E un terceiro factor é o aumento da detección de doantes fora das unidades de críticos (fundamentalmente nos servizos de Urxencias e Neuroloxía).

O ano 2019, unha vez vistos os grandes logros obtidos durante o ano 2018, presentase cheo de retos. Entre estes debemos destacar a consolidación dos protocolos de detección de doantes extra-UCI, manter o impulso da doazón en asistolia controlada e promover campañas divulgativas de doazón para diminuír as taxas de negativas familiares.

Acto conmemorativo do transplante 6.000 no CHUAC

No acto de hoxe, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego deu as grazas aos doadores e ás súas familias, así como a todos os profesionais do noso sistema sanitario “que gozan da máis elevada cualificación e experiencia no eido da doazón e os transplantes de órganos. Poucas actuacións dentro do campo sanitario requiren un compromiso tan concreto da sociedade, dos profesionais e, por suposto, dos gobernos e das administracións sanitarias”.

Segundo o conselleiro, “hai que conseguir que o xesto de doar teña un maior recoñecemento social. Hai que apoiar e reforzar o compromiso de cohesión social que significa a doazón”.

Tal e como remarcou Almuiña, “dende o ano 1981, en que se fixo o primeiro transplante de ril neste hospital, realizáronse en Galicia preto de 8.000 transplantes de órganos, e deles un total de 807 transplantes de corazón, 643 de pulmón, 1.190 de fígado, 3.256 de ril e 104 de páncreas realizáronse neste centro”.

20 de febreiro de 2019 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.