publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Educación investirá 1 millón de euros na construción de novos talleres de FP en centros educativos de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, anunciou hoxe que o seu departamento ten previsto investir 1 millón de euros na construción de novos talleres de FP en centros educativos de Vigo. En concreto as obras realizaríanse nos dous Centros Integrados de Formación Profesional dependentes da Consellería de Educación na cidade da oliveira: o CIFP Valentín Paz Andrade e o CIFP Manuel Antonio.

Segundo explicou Pomar co gallo da súa visita hoxe a estes dous centros, en ambos casos a actuación consistiría no peche e habilitación da pista deportiva (no caso do Paz Andrade) e na adecuación do polideportivo (no do Manuel Antonio), espazos nos que se situarían as aulas-taller. Cada unha das obras tería un investimento de medio millón de euros. Neste momento a Consellería está a analizar o programa de necesidades destas actuacións co fin de encargar os dous proxectos no primeiro trimestre do ano e licitar as obras no último trimestre de 2019.

Cómpre salientar, ademais, a implicación destes centros para sumarse ás iniciativas novidosas. Non en balde, os dous CIFP son plurilingües, de tal xeito que o Manuel Antonio imparte na modalidade de PluriFP o ciclo de Química Industrial en inglés, mentres que o Valentín Paz Andrade fai o propio en portugués co de Deseño e amoblamento.

Equipamento punteiro

Carmen Pomar visitou tamén hoxe o IES Politécnico de Vigo, onde o seu departamento vén de instalar un Centro de mecanizado industrial CNC de 5 eixos continuos de alta velocidade, que supuxo un investimento de máis de 240.000 euros financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Este equipamento permitirá ao alumnado dos ciclos da familia profesional de Fabricación Mecánica familiarizarse cos recursos punteiros que se empregan xa nos centros de traballo.

A tecnoloxía simultánea de 5 eixos desta maquinaria permite procesar as cinco caras dunha peza e producir compoñentes altamente complexos nunha soa montaxe, ampliando os límites sobre os tipos de xeometrías das pezas para mecanizar.

Este equipamento utilízase na industria 4.0 para o mecanizado complexo, dado que incrementa a produción, proporciona maior flexibilidade e maior precisión no mecanizado das pezas, logra acabados de superficie superiores e mellora a calidade xeral da peza. Deste xeito, a máquina aumenta o rendemento e o fluxo de efectivo, e ao mesmo tempo reduce os prazos de entrega.

Nas súas visitas a conselleira estivo acompañada polo delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

Compromiso coa cidade da oliveira

A conselleira de Educación quixo destacar o firme compromiso do seu departamento cos centros educativos de Vigo. Non en balde, desde 2009 lévanse investidos preto de 20 millóns de euros en infraestruturas educativas da cidade da oliveira que permitiron, por exemplo, dotar de novas instalacións o CEIP Virxe do Rocío, ampliar o CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Navia) e o IES de Teis.

A nivel programas educativos, hai 46 centros vigueses incorporados ao Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (Plambe), 9 centros participan no proxecto de libro dixital E-Dixgal e 47 desenvolven este curso contratos-programa.

Ademais, o IES República Oriental do Uruguai foi o centro vigués que, xunto con outros 14 en toda Galicia, comezou este ano a impartir o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach).

26 de febreiro de 2019 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.