publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As melloras en Expourense converterán á cidade das burgas nun polo de atracción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, visitou hoxe en Ourense as melloras realizadas en Expourense co obxectivo de converter estas instalacións nun recinto multifuncional que compatibilice a actividade feiral coa deportiva. Entre as actuacións que se realizaron destacan a ampliación da capacidade da pista de atletismo hidráulica ata as 1500 persoas coa colocación de novas bancadas para poder acoller competicións de maior prestixio; e a mellora integral do inmoble desde o punto de vista da eficiencia enerxética e a instalación de diverso equipamento para a mellora da súa imaxe e proxección audiovisual.

Conde puxo en valor a colaboración institucional (concellos de Ourense e San Cibrao das Viñas, Deputación, Xunta e Padroado de Expourense) alcanzada para levar a cabo esta iniciativa na que a Administración autonómica investiu máis de 4,3 millóns en dous anos para incrementar a competitividade do recinto.

O titular de Economía sinalou a repercusión directa que esta actuación terá para a cidade de Ourense, para a súa actividade feiral e deportiva. Explicou que para a localidade ourensá terá un impacto porque se está a converter nun polo de atracción de competicións deportivas a nivel nacional e internacional que permitirá expandir a Marca Ourense e, en consecuencia, a Marca Galicia. En palabras do conselleiro, o nome de Ourense resalta pola súa actividade termal, gastronómica, industrial e agora tamén pola deportiva.

Neste último ámbito, a actuación levada a cabo supón unha mellora substancial desde o punto de vista da imaxe, a tecnoloxía e a eficiencia enerxética, que permitirá acoller máis competicións e ofrecer mellores servizos. En canto ao impacto económico, Conde subliñou que o recinto recibiu en 2018 máis de 113.000 visitas, un 27,7% máis que o ano anterior.

Segundo engadiu o conselleiro, trátase “dun proxecto moi importante para a cidade que está permitindo que Ourense teña unha marca vinculada ao deporte, ao termalismo, á gastronomía e á actividade feiral”. En definitiva, para Conde esta iniciativa súmase aos esforzos que se están a desenvolver para vertebrar a actividade económica da provincia ourensá. “Ourense ten unha das mellores pistas de atletismo cubertas que hai a nivel nacional e internacional, un patrimonio que hai que poñer en valor para ofrecer aos deportistas e para que se converta nun polo de atracción desde o punto de vista económico e que sirva para vertebrar á provincia”, rematou.

Pola súa banda, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, destacou a compatibilidade de usos como a principal característica desta infraestrutura que posibilita que a pista, desde a súa inauguración acollera “importantes campionatos autonómicos e nacionais así como outras actividades expositivas e feirais de primeiro nivel”.

Neste sentido, falou da importancia dos vindeiros campionatos entre os que destacou o XXV Campionato de España Máster, que terá lugar do 8 ao 10 de marzo, e que atraerá a Galicia unhas 4000 persoas entre atletas e acompañantes. “Desde a Xunta seguiremos apostando por traer os mellores eventos deportivos a Galicia como vimos de demostrar en FITUR coa sinatura dun convenio coa Asociación do Deporte Español para mellorar o deporte galego en xeral e o posicionamento de Galicia, como destino da práctica deportiva e do turismo asociado ao deporte”.

20 de febreiro de 2019 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.