publicidade hoxe

A Xunta investirá 1,5 millóns de euros en actuacións de mellora enerxética no edificio da Delegación de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda avanzou hoxe as obras de mellora que se van a levar a cabo na sede da Delegación da Xunta na cidade lucense e que contan cun investimento por parte do Goberno galego de arredor de 1,5 millóns de euros.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo esta mañá unha xuntanza cos xefes territoriais e cos representantes sindicais onde foi presentado o proxecto de mellora enerxética do edificio administrativo da Xunta. Concretamente, as actuacións consistirán na instalación de iluminación LED, dun sistema de climatización eficiente e de mellora da envolvente do edificio e se estima que estean rematadas no prazo de 1 ano. Ademais, con estas melloras acadarase un aforro dun 25 % en gastos de enerxía que se traduce nun aforro para as arcas autonómicas de máis de 100.000 euros ao ano.

O Goberno galego aposta pola eficiencia enerxética e pola mellora das súas instalacións para ofrecer as mellores condicións aos traballadores públicos e o mellor servizo aos cidadáns e así está reflectido no Plan de mellora da eficiencia enerxética nos edificios da Xunta para o período 2014-2020, e que inclúe tamén aos edificios xudiciais. A posta en marcha deste Plan conleva a execución de actuacións por importe de 12,5 millóns de euros que permitirá reducir a produción de enerxía en case 3 millóns de kWh ao ano mediante a mellora dos sistemas de iluminación, de climatización e de redución do consumo actuando sobre a envolvente dos edificios e a implantación de sistemas de sombreamento para evitar a insolación directa. Este Plan está cofinanciado con fondos da Unión Europea, a través dos fondos FEDER.

Ademais, na sede da Xunta en Lugo levararase a cabo tamén obras do Rexistro, cun investimento de 65.000 euros, ampliando a oficina en 200 metros cadrados, habilitando unha zona de espera para o público e permitindo contar con 23 postos de traballo no que tanto funcionarios como cidadáns poidan estar sentados para efectuar as súas xestións.

20 de febreiro de 2019 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.