publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta achega 45.000 euros ao Concello do Pereiro de Aguiar para mellorar o polígono industrial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO Pereiro de Aguiar
A-
A+

O Concello ourensán do Pereiro de Aguiar recibiu da Consellería de Economía, Emprego e Industria unha achega de case 45.000 euros para investir en obras de mellora do polígono industrial emprazado no seu termo municipal.

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada de responsables municipais e do presidente da Asociación de empresarios desta zona, Eduardo Cid Fernández, visitou hoxe este recinto industrial para coñecer as actuacións executadas ao abeiro da orde de axudas para os parques empresariais do pasado ano. Díaz Mouteira comprobou as obras de reparación das infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, que contaban con tramos moi deteriorados. A Xunta asume o pagamento do 80% do seu custo cunha achega superior aos 6.500 euros. Ademais, ampliouse e mellorouse o sistema de seguridade control e televixilancia deste parque empresarial, actuación que contou cunha axuda de 38.000 euros.

Díaz Mouteira indicou que estes investimentos “poñen de manifesto que a Xunta segue mantendo o seu compromiso cos gobernos locais e o desenvolvemento das súas infraestruturas, co fortalecemento do tecido empresarial e industrial e co apoio ao emprendemento”, liñas que encaixan coas medidas promovidas pola Lei de implantación empresarial para favorecer a captación de novos investimentos para Galicia.

Convocatoria en tramitación

A delegada territorial informou que o pasado luns pechou o prazo de presentación de solicitudes para optar ás axudas destinadas á habilitación e mellora das infraestruturas dos parques empresariais. O Goberno galego destina a esta actuación máis de 4 millóns de euros cos que prevé apoiar en toda a Comunidade 54 proxectos e xerar 104 empregos. Estímase que o investimento mobilizado supere os 5,2 millóns. Segundo indicou Díaz Mouteira, a Consellería dirixida por Francisco Conde prevé ter resoltas a resolución desta convocatoria no primeiro semestre do ano.

A Xunta financia a través desta actuación, ata un máximo do 80% do custo global dos proxectos, os plans presentados polos concellos para implantar nos parques empresariais plantas de depuración de augas, incluídos os colectores con verquido á depuradora municipal e/ou instalar sistemas de seguridade e vixilancia, de protección destinados á loita contra incendios e contra o roubo de cable. Tamén apoiaranse proxectos referidos á mellora de infraestruturas viarias, tanto de acceso como interiores, así como a xestión de residuos. En todos os casos financiaranse tamén os gastos de redacción do proxecto e de dirección da obra. A axuda máxima será de 120.000 euros por solicitude, que alcanzará os 138.000 euros para os concellos procedentes de fusións ou agrupacións de concellos.

Á hora de valorar as solicitudes terase en conta, entre outros, a superficie do parque, o seu nivel de ocupación, a poboación do concello no que se atopa o polígono e se as solicitudes proceden de Concellos Emprendedores, fusionados ou agrupados.

Marisol Díaz lembrou que en 2018 a Xunta apoiou con máis de 1,1 millóns de euros a un total de 15 proxectos de actuación nos parques empresariais de 8 concellos da provincia ourensá.

14 de febreiro de 2019 | 16:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.