publicidade hoxe

Xunta e SUP reclaman ao Goberno central que complete o cadro de persoal da Policía autonómica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha xuntanza cos responsables do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia, no que coincidiron en reclamar ao Goberno central que complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, que actualmente se sitúa nun 80% dos postos previstos no acordo asinado en 2005 entre a Xunta e o Goberno central.

Xunta e sindicato coincidiron na necesidade de que o Ministerio do Interior leve a cabo canto antes a cobertura das prazas vacantes na Unidade de Policía Adscrita a Galicia, segundo indicaron ao termo dunha reunión na que xunto a Rueda participaron o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o secretario xeral do SUP, Roberto González; o secretario federal do SUP na Policía Autonómica, Abel Lobato; e o presidente do SUP Galicia, José Freire.

Cómpre recordar que o número de efectivos deste corpo veu descendendo nos últimos anos debido a xubilacións e traslados, sendo na actualidade apenas 400 axentes dun cadro de persoal que debería estar dotado con 500. Todo a pesar de que se foron incrementando as súas tarefas e funcións como, por exemplo, coa asunción da protección das vítimas de violencia de xénero.

A Xunta xa ten instado en diversas ocasións ao Ministerio de Interior a que complete o cadro de persoal da unidade e volverá a dirixirse de novo ao Goberno central para solicitarllo, en tanto o labor que realizan os membros da Policía é imprescindible para garantir a seguridade cidadá e a atención a poboación que o precisa.

Vixilancia nos edificios xudiciais

No encontro tamén se abordou a situación da seguridade nos edificios da Administración de Xustiza de Galicia, unhas unidades de vixilancia que dependen de efectivos da Policía Nacional e da Garda Civil de máis de 55 anos e onde tanto Xunta como SUP tamén reclamaron ao Ministerio que complete as prazas que agora mesmo están vacantes.

8 de xaneiro de 2019 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.