publicidade hoxe

Medio Rural abre o prazo para solicitar as axudas para a plantación de coníferas e frondosas con sete millóns de euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria do ano 2019 das axudas para a creación de superficies forestais da Consellería do Medio Rural. Mañá ábrese o prazo de solicitude destas achegas para as que a Xunta destina sete millóns de euros co obxectivo de fomentar a plantación de coníferas e frondosas tales como piñeiros, carballos, castiñeiros e nogueiras.

Estímase que a través desta convocatoria, cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), chegarase a actuar nunhas 4.000 hectáreas a través duns 200 beneficiarios.

As axudas van destinadas ás Sociedades de Fomento Forestal (Sofor), aos propietarios particulares de forma individual e ás asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia. Tamén poderá beneficiarase delas as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

No que respecta ás actuacións subvencionables, inclúense os gastos de plantación forestal e da área de defensa contra incendios forestais, é dicir o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, a adquisición de planta, así como os gastos da plantación propiamente dita. Así mesmo, tamén son susceptibles de subvención as infraestruturas de acompañamento e as obras complementarias.

Ademais, a Consellería do Medio Rural vén de resolver a convocatoria de 2018 a través das que 133 beneficiarios crearán 2.666 hectáreas forestais a través dunha achega total de 4,9 millóns de euros por parte deste departamento autonómico. Desta superficie, o 65,3% correspóndese á provincia de Ourense, cun total de 1.742 hectáreas, seguida pola provincia de Lugo con 481 hectáreas, Pontevedra con 415 hectáreas e A Coruña con 27 hectáreas. Analizando os beneficiarios, das 133 solicitudes aprobadas, 122 correspóndense a comunidades de montes veciñais en man común, 10 a particulares e unha a unha agrupación.

O obxecto desta liña de subvencións é fomentar a creación de superficie forestal naqueles terreos que estean identificados no Sistema de Identificación Xeográfica de Parcelas Agrícolas (Sixpac) como forestal, pasto con arboredo ou pasto arbustivo.

18 de xaneiro de 2019 | 12:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.