publicidade hoxe

Medio Ambiente destina 300.000 euros á orde de axudas á prevención de danos por certas especies de fauna silvestre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca as axudas para sufragar accións de prevención de danos por fauna salvaxe. Tal e como anunciara a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, durante unha rolda de prensa sobre as medidas do Goberno galego para actuar fronte aos danos que causa o lobo e o xabaril, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde pola que se convocan ditas subvencións.

Trátase da terceira liña de axudas para facer fronte ao conflito derivado dos danos ocasionados pola fauna silvestre sobre os cultivos agrarios ou as explotacións gandeiras dotada dun importe de 300.000 euros.

Serán obxecto desta subvención a adquisición de cans defensores e protectores do gando, pastores eléctricos, mallas electrificadas, e como novidade, a instalacións de valados fixos electrificados e valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica, para prever os danos provocados por determinadas especies de fauna silvestre (lobo e xabaril).

Tal e como recolle o texto publicado hoxe, poderán ser beneficiarias -no caso de danos por lobo- as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras do tipo de gando bovino, ovino, cabrún, porcino da raza celta e equino, que figuren inscritas no REGA; e -no caso do xabaril- as persoas físicas ou xurídicas que exercen a actividade agraria e estean inscritas no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e as explotacións agrarias de autoconsumo.

Axudas por danos

Cómpre lembrar que o mes pasado, a Consellería de Medio Ambiente convocaba dúas ordes de axudas para paliar os danos que provocan as especies silvestres sobre os cultivos agrarios (no caso do xabaril) ou nas explotacións gandeiras (no caso do lobo).

Nese sentido, o Goberno galego destina un importe de 1,4 millóns de euros á medidas de prevención (convocadas hoxe) e compensación por danos da fauna silvestre, publicadas no DOG o 21 de decembro de 2018.

Entre as novidades que recolle a orde de axudas por danos de lobo é que se compensará o aborto que sufran as reses, no caso de que sexan atacadas por un lobo e sobrevivan ao ataque, pero que a consecuencia do mesmo perdan a súa cría. Deste xeito, a cantidade compensatoria por cada aborto corresponderá a un 75% do valor da clase e idade máis baixa no caso de especies de gando ovino e cabrún e dun 50% do valor da clase e idade máis baixa no caso do resto das especies de gando. No caso de parto múltiple, compensarase por cada un dos animais abortados.

Outra das novidades é que o importe das axudas incrementarase nun 10% no caso daquelas explotacións nas que se teña comprobada a aplicación de medidas preventivas fronte aos ataques do lobo, e que fosen avaliadas como adecuadas pola Comisión de valoración correspondente.

A liña de axudas de danos por lobo increméntase nun 25% -respecto da anterior convocatoria- e o orzamento total destinado é de 350.000 euros. Con esta contía sufragaranse os danos -denunciados a través do 012 e constatados- producidos entre o 1 de outubro de 2018 ata o 30 de setembro de 2019.

En canto á orde de axudas por danos de xabaril, que neste exercicio comporta un importe de 811.000 euros, un 35% máis respecto da anterior convocatoria, estas compensarán os danos que se comuniquen a través do 012 desde o 1 de xaneiro ata o 10 de outubro de 2019, co fin de abarcar os dous períodos máis críticos: a sementeira e recollida.

Poderán optar a estas axudas as persoas físicas ou xurídicas e titulares de explotacións agrarias onde se constaten os danos aos cultivos agrícolas e inscritas no Rexistro de explotacións agrarias de Galicia ou de autoconsumo. Cada expediente será único e comprenderá todos os danos producidos polo xabaril a unha mesma persoa beneficiaria antes da colleita.

8 de xaneiro de 2019 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.