publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Alerta laranxa vixente por temporal a todo o litoral galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaSucesos
A-
A+

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta amplía a alerta laranxa vixente por temporal a todo o litoral galego.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), agora está en nivel laranxa o litoral noroeste e oeste da provincia da Coruña e o litoral lucense. A partir das 12,00 horas desta maña ampliase ao suroeste da Coruña, e a partires das 18,00 horas de mañá, afectará tamén á provincia de Pontevedra. Agárdase mar combinada do noroeste con ondas de 5 a 6 metros.

Por mor do temporal costeiro, aconséllase a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Tamén os peiraos constitúen espazos de risco ante a alerta por fenómenos meteorolóxicos adversos. Nestes entornos, débense evitar os percorridos polas instalacións portuarias en especial en zonas de especial perigo como diques de abrigo, espaldóns, escolleras, escaleiras de acceso aos diques e peiraos, entre outros. Do mesmo xeito, débense evitar percorridos en vehículos preto dos peiraos así como aparcar nos portos, na medida do posible.

É recomendable, ademais, non pasear preto dos bordos litorais, paseos marítimos e zonas próximas ao mar, sobre todo nas batidas polo vento. Tamén se recomenda non camiñar polas proximidades dos edificios portuarios, guindastres fixos ou automotores, así como, noutras edificacións que pola súas características construtivas poidan sufrir desprendementos nas súas estruturas exteriores tales como cubertas metálicas.

30 de xaneiro de 2019 | 16:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.