publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta apoia ao sector da automoción galega coa participación na maior feira da electrónica a nivel mundial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria asiste ata o vindeiro 11 de xaneiro coa Business Factory Auto (BFA) á maior feira anual de electrónica e tecnoloxías dixitais do mundo, CES (Consumer Technology Association), que se celebra na cidade estadounidense das Vegas e na que a BFA participa mediante seis startups: Help Flash, VMS, Xesol, Muutech, Little Electric Cars e Improsec.

CES, o evento anual no que se presentan as innovacións tecnolóxicas de próxima xeración no mercado, é punto de encontro para máis de 4400 empresas da industria electrónica e 180.000 profesionais de ao redor de 155 países do mundo. Nesta edición coñeceranse os avances do sector con respecto á rede de quinta xeración ou 5G deseñada para facilitar a implementación do internet das cousas (IoT).

Coa participación na feira, a BFA pretende apoiar os proxectos participantes na súa proxección internacional e incrementar a súa competitividade baseada na modernización tecnolóxica. A aceleradora galega, que a Xunta impulsa xunto a PSA, Ceaga e o Consorcio Zona Franca, está a celebrar xa a súa terceira edición, na que participan 20 iniciativas e que se presenta como a máis internacional posto que participa un proxecto de Dubai e outro de Alemaña. Nas dúas convocatorias anteriores, facilitou a creación de 22 novas empresas, que levan xerado 150 postos de traballo e que facturan máis de 10 millóns de euros, e das que o 30% xa exportan a outros países.

O sector de automoción destaca por ser un dos máis relevantes para a economía galega, como poñen de manifesto os datos das exportacións das empresas do automóbil que nos dez primeiros meses do 2018 aumentaron nun 12,8% cun valor de 4.518,6 millóns de euros, colocándose como o segundo sector en volume de vendas, tan só por detrás do téxtil. Neste sentido, a industria automobilística segue o seu crecemento en Galicia, como mostra a fabricación de dous novos modelos de PSA que aseguran carga de traballo para 10 anos na factoría viguesa e as súas empresas auxiliares.

As business factories impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria pertencen aos sectores da automoción, biotecnolóxico e aeronáutico, e intégranse na plataforma StartIN Galicia, a rede galega de aceleradoras que nos últimos cinco apoiou preto de 900 proxectos de emprendemento, que contribúen ao desenvolvemento dunha industria innovadora e competitiva.

9 de xaneiro de 2019 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.