publicidade hoxe

A Xunta avoga por ter en conta a perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento das políticas públicas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia
A-
A+

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez, expuxo hoxe en comisión parlamentaria o traballo que está a levar a cabo a Xunta para xestionar a situación demográfica en Galicia, advertindo ao respecto sobre a necesidade de tomar consciencia de que “os resultados non serán visibles a curto prazo, posto que son precisos anos para reverter os efectos dunha dinámica que se vén producindo desde hai máis de tres décadas”. Nesta liña, apuntou a necesidade de incorporar a perspectiva demográfica no deseño e desenvolvemento das políticas públicas.

Máis polo miúdo, Amparo González mencionou a posta en marcha de iniciativas como o Programa de apoio á natalidade (PAN), o Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021, a Estratexia Retorna 2020 e o Plan de fixación de poboación no medio rural; que demostran que “Galicia actúa con responsabilidade e sentido de país na abordaxe do reto demográfico”, manifestou. Así mesmo, puxo en valor o feito de que Galicia sexa a primeira Comunidade Autónoma en dispoñer dun Observatorio de Dinamización Demográfica, que definiu como “un foro plural que responde ao convencemento de que cambiar a actual tendencia da poboación debe ser un obxectivo común de toda a sociedade e require dunha política de actuacións o máis consensuada posible e que teña continuidade no tempo”.

Neste sentido, a directora xeral destacou que a primeira tarefa do Observatorio foi a de facer unha completa diagnose da situación que servirá de base para o establecemento das liñas estratéxicas de acción, as cales serán tidas en conta na futura Lei de Impulso Demográfico actualmente en fase de elaboración e cuxa presentación no Parlamento para o seu debate está prevista para o primeiro período de sesións do vindeiro ano. Así, esta nova norma atenderá aos seguintes eixos considerados prioritarios para o Observatorio: envellecemento activo e saudable, a creación de contornas sociais favorables para o libre desenvolvemento das familias, a xeración de maiores oportunidades para a mocidade, facer máis atractivo o medio rural para a poboación e a promoción das condicións de vida necesarias para atraer nova poboación.

Ademais destas actuacións no ámbito autonómico, Amparo González tamén fixo fincapé nas accións que está a realizar a Xunta tanto a nivel estatal como europeo. Ao respecto, indicou que este goberno “seguirá reclamando unha estratexia nacional para o cambio demográfico”, así como que “se teñan en conta os criterios poboacionais no financiamento autonómico”. No eido europeo, avogou por continuar solicitando que “os factores demográficos estean presentes no reparto de fondos da Unión Europea”.

Por último, a directora xeral declarou que a Xunta afondará no traballo coordinado co resto de administracións e axentes nesta cuestión co obxectivo de seguir implantando as medidas que se precisen para avanzar na revitalización da poboación.

19 de outubro de 2018 | 13:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.