publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta amosa o seu apoio ás persoas con discapacidade intelectual na marcha ciclista De Special Olympics

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acudiu hoxe á inauguración da marcha ciclista unificada de Special Olympics no concello de Baños de Molgas, que ten como obxectivo fomentar a práctica deste deporte entre as persoas con discapacidade intelectual de Galicia. Esta marcha percorrerá ata o domingo a xeografía galega pasando por Friol e Parga, en Lugo; Santiago de Compostela e Vilagarcía, en Pontevedra.

Díaz Mouteira destacou o importante papel do deporte como ferramenta para a inclusión. Ademais indicou que esta marcha, que serve de punto de encontro para o colectivo, “é unha oportunidade para concienciar á poboación da importancia da inclusión de todas as persoas na sociedade”.

A máxima representante da Xunta en Ourense indicou que a Consellería de Política Social vén a reforzar de forma transversal as políticas de inclusión dirixidas ás persoas con maiores dificultades e ás súas familias, co obxecto de xerar condicións efectivas de non discriminación e accesibilidade universal en toda clase de contornos, produtos e servizos.

A Xunta de Galicia mantén un convenio de colaboración con Special Olympics que axuda ao mantemento da entidade e á celebración de diversas actividades. Esta asociación creouse no ano 2000 e o seu obxectivo xeral é a inserción social do colectivo de persoas con discapacidade intelectual a través da organización de competicións deportivas e adestramento diario para acadar a integración.

4 de outubro de 2018 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.