publicidade hoxe

A Xunta achega material para a loita contra a vespa velutina a 10 concellos ourensáns

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, entregou esta mañá material para a loita contra a vespa velutina a 10 concellos da provincia adheridos ao Plan de vixilancia e control que puxo en marcha a Xunta de Galicia, cedido pola Consellería do Medio Rural e pola Axencia Galega de Emerxencias.

Así, Díaz Mouteira entregoulle aos Concellos de Os Blancos e Xunqueira de Ambía dous equipos de protección individual e unha pértega, e ao Concello de San Xoán de Río dous equipos de protección individual, logo de adherirse como concellos colaboradores ao Plan de vixilancia e control para a loita contra a vespa velutina.

Ademais, no mesmo acto entregáronse pértegas aos concellos de Porqueira, Riós, A Rúa, Sandiás e Sarreaus, que xa se incorporaran anteriormente ao plan, e ao concello de Ribadavia, que participa nel a través do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) con sede nese concello. Do mesmo xeito, entregáronse outros dous equipos de protección individual ao concello de Avión, que tamén intervén no plan a través do GES.

Coa incorporación de Os Blancos, San Xoan de Río e Xunqueira de Ambia, o plan pasa a contar con 124 municipios galegos que colaboran coa Administración autonómica na retirada dos niños deste insecto invasor, que non é máis agresivo que a vespa autóctona. Por iso, a Xunta de Galicia solicita que non se cree unha alarma social innecesaria e lembra que, no caso de localizar un niño, os cidadáns non se deben achegar a el senón chamar ao teléfono gratuíto 012, para que os especialistas poidan actuar no seu control. No seu caso, deben prestar especial atención ante a posible presenza de niños ocultos as persoas que realizan desbroces ou talas de árbores, especialmente no caso de persoas alérxicas ás picaduras de insectos.

Concellos colaboradores

A provincia ourensá conta con 31 concellos adheridos ao Plan de vixilancia e control da vespa velutina: Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Barbadás, Boborás, O Carballiño, Castrelo de Miño, Coles, Cortegada, Chandrexa de Queixa, O Irixo, Maceda, Manzaneda, Nogueira de Ramuín, Oímbra, Parada de Sil, A Peroxa, Piñor, A Pobra de Trives, Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, A Rúa, San Cristobo de Cea, Sandiás, Sarreaus, San Xoan de Río, Toén, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambia.

Ademais dos concellos colaboradores, participan nos labores de retirada de niños os Grupos de Emerxencias Supramunicipais, que en Ourense están adscritos aos concellos de Avión, Barco de Valdeorras, Castro Caldelas, Celanova, A Gudiña, Laza, Lobios, Muíños, Pereiro de Aguiar e Ribadavia, así como persoal da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e da Consellería do Medio Rural.

Dende que os concellos colaboradores e as unidades de emerxencias se incorporaron ao plan, no ano 2016, a Consellería do Medio Rural e a Axencia Galega de Emerxencias distribuíron ás diferentes unidades actuantes un total de 533 equipos de protección individual e 167 pértegas para acadar aos niños en altura. Ademais, a Consellería do Medio Rural distribuíu aos apicultores 13.267 trampas aos apicultores, coas correspondentes doses de líquido atraente, e a maiores 5.404 botes de líquido atraente de 500 ml dunha marca comercial, e 40.782 monodoses de atraente doutra marca comercial.

Este plan compleméntase coa formación do persoal das unidades participantes. Ata o momento, a Xunta de Galicia organizou 34 cursos para este persoal, ao que asistiron 1.329 técnicos.

A nivel Galicia, durante o ano 2017 retiráronse ou inactiváronse 23.676 niños. Deste total, 14.493 foron na provincia da Coruña, 6.121 na de Pontevedra, seguida da de Lugo con 2.433 e finalmente Ourense con 629 niños. No que levamos do ano 2018, a través deste plan retiráronse ou inactiváronse 17.507 niños: 9.560 en A Coruña, 1.816 en Lugo, 1.711 en Ourense e 4.420 en Pontevedra.

A Xunta de Galicia destaca a importancia da colaboración entre todas as administracións para poder minimizar os efectos deste insecto invasor.

23 de outubro de 2018 | 16:10 • Sen comentarios

Comentarios pechados.