publicidade hoxe

Os campamentos urbanos da Deputación traen a Lugo actriz Marta Larralde e o cómico David Amor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+

A Deputada de Cultura, Artesanía e Deseño, Pilar García Porto, avanzou que a actriz Marta Larralde e o cómico David Amor participarán en dúas Masterclass enmarcada dentro das actividades gratuítas do Campamento de Teatro Urbano, que organizan Deputación e Concello. Esta iniciativa está tendo lugar no centro histórico da cidade durante todo o mes de agosto, e participan nenos e nenas de entre 7 e 14 anos. Tódalas actividades deste campamento realizaranse a través dunha metodoloxía lúdica, activa e participativa. As dúas charlas, nas que participarán estes alumnos, serán no Salón de Actos da Deputación, ata completar aforo.

“As dúas masterclass están abertas a todo o público en xeral, e calquera que desexe coñecer máis sobre a traxectoria profesional de David Amor e Marta Larralde, así como da súa experiencia persoal no mundo da interpretación, pode achegarse ata o Salón de Actos da Deputación os días 21 e 31 respectivamente”, explicou a Deputada.

David Amor, é un monologuista e actor pontevedrés, que actualmente colabora nun dos programas da televisión máis vistos, “Zapeando” de laSexta, e que continúa interpretando ó personaxe de Tito en “Gym Tony” de Cuatro, unha serie que vai xa pola cuarta tempada.

A actriz Marta Larralde pechará os campamentos de teatro urbano no salón de actos da Deputación Provincial, será o dia 31 ás 19:00 horas. Esta masterclass impartida pola viguesa será gratuíta e aberta ó público en xeral. A actriz interactuará cos nenos asistentes a través de diversos xogos e compartirá co público a súa experiencia persoal no mundo da interpretación, dando a coñecer máis profundamente a súa traxectoria profesional. Larralde protagonizou recentemente, na serie Fariña, o papel de Nieves, a primeira esposa que tivo Sito Miñanco.

Campamentos urbanos

A Deputada lembrou que “con este campamento de teatro gratuíto os participantes achéganse a esta actividade dunha forma lúdica e divertida entrando en contacto coas súas diferentes disciplinas a través de xogos e métodos pedagóxicos que contribúen á súa formación. Ademais, os asistentes intercalan probas con xogos e talleres como a caracterización de personaxes, probas de vestiario, mímica, improvisación teatral, así como a incorporación de música e danza en cada sesión”.

16 de agosto de 2018 | 14:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.