publicidade hoxe

Medio Ambiente concede 107.500 euros en axudas para executar 6 proxectos de mellora e recuperación de espazos en Rede Natura do Salnés

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de resolver unha orde de axudas que permitirá acometer nos anos 2018 e 2019 actuacións de preservación, recuperación e mellora en espazos incluídos na Rede Natura 2000. En total, o departamento autonómico aprobou 6 proxectos na comarca do Salnés por un importe de case 107.500 euros.

En total, na provincia de Pontevedra concedéronse axudas por un montante de 413.250 euros que beneficiarán a 23 concellos.

Tal e como explicou Cores Tourís, a través destas dúas ordes de axudas, publicadas o pasado mes de xaneiro e cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural financiará investimentos non produtivos para acadar os obxectivos agroambientais e climáticos no ámbito da Rede Natura 2000.

No caso da orde para proxectos en Rede Natura, concedéronse na comarca do Salnés preto de 107.500 euros, distribuídos nun total de 6 iniciativas.

Deste xeito, o concello da Illa de Arousa levará a cabo a recuperación de dunas grises e mellora do bosque de ribeira en Carreirón; O Grove destinará a axuda á execución dunha senda peonil e ambiental no istmo da Lanzada, mentres que Catoira divulgará os valores ambientais do Zec Ulla. Sanxenxo porá en marcha un proxecto de prsevación da zona dunar das praias de Areas Gordas e a Lapa, e Meaño, destinará a subvención para a área recreativa e observatorio de aves en Seixiños. Finalmente, Ribadumia activará os marxes do río Umia.

Ademais, tamén se viron beneficiados titulares de terreos forestais ou agrícolas situados nestes espazos protexidos, e asociacións ambientalistas e de custodia do territorio con terras agrícolas situadas en áreas elixibles.

O obxectivo común dos proxectos seleccionados é restaurar, preservar e mellorar a biodiversidade nos sistemas agrarios de alto valor natural, así como mellorar o estado da paisaxe rural tradicional para o mantemento das condicións ambientais necesarias nas zonas pertencentes á Rede Natura 2000.

Os proxectos, tal e como se prevé na convocatoria, executaranse en dúas anualidades. Os beneficiarios terán dous prazos para comunicar o remate das accións e solicitar o pagamento da axuda que lle corresponda: ata o 14 de setembro no caso da anualidade de 2018 e ata o 31 de marzo para a anualidade de 2019.

Plan de Desenvolvemento Rural

Cómpre lembrar que estas axudas inscríbense dentro do Plan de Desenvolvemento Rural, que recolle entre as súas liñas básicas de actuación conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sostible dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático, e mellorar a calidade de vida da poboación rural a través da prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco de pobreza.

Neste sentido, o tipo de actuacións seleccionadas perseguen a mellora da paisaxe agraria e do desenvolvemento de usos recreativos, como a construción de cercas, sebes ou a restauración de muros; a creación de roteiros, equipamentos de información e interpretación; a sinalización de camiños e outras de análoga natureza; accións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais ou culturais da paisaxe agraria tradicional (hórreos, miradoiros, cabanas, valados, fontes…); ou actuacións para a preservación dos hábitats ou ecosistemas naturais e seminaturais, de especies ameazadas ou de interese comunitario.

En canto aos beneficiarios das axudas, a maioría son particulares propietarios de terreos agrícolas e forestais, localizados nestas zonas, os propios concellos, asociacións ambientais e de custodia do territorio.

A consellería subvenciona o 100% do custo das actuacións, cuns importes máximos de axudas que, no caso da orde en zonas Rede Natura 2000, se sitúa en 20.000 euros por proxecto sempre que o beneficiario sexa un concello, e en 12.000 euros para o resto de solicitantes.

8 de agosto de 2018 | 15:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.