publicidade hoxe

Ángeles Vázquez destaca a dimensión social dos programas de desenvolvemento rural nunha visita á asociación Amicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

A asociación de desenvolvemento local Deloa xestionou desde 2017 un total de 1,6 millóns de euros en axudas da medida Leader, que beneficiaron 20 proxectos (11 con carácter produtivo e outros 9 non produtivos) na área xeográfica das bisbarras coruñesas de Barbanza, O Sar e Noia, incluíndo o concello de Muros.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, destacou hoxe o importe labor desta entidade na visita en Boiro a unha iniciativa beneficiaria destes fondos –en anteriores convocatorias– e promovida pola asociación Amicos.

Trátase dun centro de día que pola súa posta en marcha e por outras accións semellantes fixo que Amicos fora merecedora, o pasado ano, dun premio Agader, dotado con 25.000 euros. Recibiuno polo seu traballo e o seu compromiso no coidado e atención de persoas con discapacidade intelectual, autismo e parálise-dano cerebral.

Nesta visita, a conselleira salientou que as achegas do Leader serven tamén para mellorar a calidade de vida e a dotación de servizos sociais para os habitantes do medio rural, ademais de para impulsar a súa economía. Dixo que, deste xeito, foméntase un desenvolvemento global do agro, facendo del un lugar atractivo tanto para residir como para traballar e integrando tamén a colectivos desfavorecidos, como neste caso coa actividade “exemplar” que leva a cabo Amicos.

De feito, esta entidade social recibiu nos últimos anos un total de 686.303 euros en axudas do Leader, que apoiaron a creación dun centro residencial de discapacitados (250.000 euros de axuda), un centro integral de formación para o emprego (149.665 euros), ambos en Padrón, así como unha unidade de formación prelaboral e ecoviveiro (86.638 euros) e unha unidade de atención clínica e terapéutica (200.000 euros), as dúas en Boiro.

Atención profesional

Amicos empezou as súas actividades no ano 2000 por iniciativa dun grupo de pais e nais movidos pola necesidade de crear un centro que atendese de xeito profesional as necesidades dos seus fillos e fillas, con graves discapacidades intelectuais. Co paso do tempo, a asociación foi quen de poñer en marcha diferentes centros e unidades deseñadas para atender as necesidades deste colectivo, co obxectivo primordial de proporcionarlle unha maior calidade de vida a estas persoas e ás súas familias.

A asociación traballa para favorecer o desenvolvemento integral das persoas con discapacidade intelectual, propiciando a súa inter-relación, e aspira a dotalas de coñecementos instrumentais básicos e habilidades sociais que faciliten a súa integración no mundo laboral. Ademais, trata de poñer en coñecemento da sociedade a realidade deste colectivo, por medio de xornadas de integración, visitas a centros de ensino e outras actividades.

Deloa

A asociación de desenvolvemento local Deloa creouse no 2001 para a xestión do entón programa Proder. Máis adiante fíxose responsable da xestión das axudas Leader no seu territorio, conformado polos concellos de Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois, actuando como entidade colaboradora de Agader.

Desde que se abriu a convocatoria de axudas o 1 de xaneiro de 2017, o equipo técnico desta asociación asesorou de xeito individual 171 promotores e recibiu 53 solicitudes, a maior parte delas (un 66%) correspondentes a proxectos produtivos e o resto a iniciativas non produtivas.

Os 20 proxectos con axuda concedida fixeron posible crear ou consolidar máis de 66 postos de traballo, especialmente entre as mulleres e a mocidade. Algunhas das iniciativas apoiadas foron a posta en marcha dunha plataforma web, a construción dunha nave para carpintería ou a apertura dunha clínica de fisioterapia, entre as de carácter produtivo, e a modernización da escola infantil de Dodro, a apertura dun novo albergue de peregrinos ou a dotación de transporte adaptado para persoas con discapacidade en diferentes puntos da bisbarra, entre as non produtivas.

21 de agosto de 2018 | 14:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.