publicidade hoxe

A Xunta busca a colaboración das empresas aeronáuticas galegas para lanzar a aceleradora especializada neste sector

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPortada esquerdaVigo
A-
A+

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou a empresa galega Delta Vigo, dedicada ao deseño e fabricación de liñas de produción industrial, maquinaria e utillaxe e centrada no sector da automoción e aeronáutico, que, de feito, participa no Polo tecnolóxico e industrial de Rozas a través dunha subcontratación con Babcock, un dos socios tecnolóxicos da Xunta para o desenvolvemento do programa de I+D.

En Rozas, na actualidade, estanse a levar a cabo 20 proxectos de I+D coa participación de 19 empresas galegas, entre as que se atopa Delta Vigo. Babcock concretamente está a traballar para adaptar o sistema tecnolóxico que patenta ás aeronaves que a multinacional deseña en Rozas, onde se están a desenvolver varias plataformas non tripuladas. O labor que se desenvolve no polo tecnolóxico está a supoñer a día de hoxe 200 postos de traballo.

No eido aeronáutico, a Xunta traballa no lanzamento da futura aceleradora especializada no sector aeronáutico coa que se busca implicar ás empresas que forman parte do Polo tecnolóxico e industrial de Rozas. A futura incubadora, que se emprazará en Lugo, apoiará a emprendedores, novas empresas e pemes do sector a través de asistencia técnica, consultoría, financiamento e infraestruturas.

Argerey na visita destacou a importancia de apoiar o nacemento de novas startups no sector aeroespacial, explicando que, por este motivo, arrancará a nova aceleradora, que terá a súa sede nas instalacións do antigo hospital de Lugo, onde se situará tamén un centro de emprendemento específico para este sector.

Aínda que unha parte da produción de Delta Vigo está dedicada ao sector da automoción -forma parte do Clúster da Automoción de Galicia (CEAGA) e ten entre os seus principais clientes a empresas como PSA Peugeot-Citroën, Mercedes-Benz ou GKN Automotive-, desde hai anos o sector aeronáutico é o principal cliente de Delta Vigo. Neste ámbito, fabrica compoñentes para avións, tanto metálicos como en composites, para grandes fabricantes como Airbus, Bombardier, Boeing e Embraer.

De feito, veñen de ampliar a súa planta en Porto do Molle (Nigrán) dedicada integramente á fabricación de compoñentes para aeronáutica. Ademais desta, contan con outras tres plantas en Valadares, Peinador e Illescas (Toledo). Nesta última, posta en marcha en 2011 para participar no avión Airbus A350, fabrican pezas altamente complexas.

6 de agosto de 2018 | 12:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.