publicidade hoxe

A Deputación da Coruña apoia con 30.000 euros á programación da AELG

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A vicepresidenta e responsable da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, e o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias, asinaron un convenio de colaboración polo que a institución provincial apoiará con 30.000 euros o programa de actividades que a entidade desenvolverá durante o 2018 co ánimo de promocionar a literatura galega.

Impulsar a literatura galega, incrementar a visibilización de autores e autoras e apoiar as diferentes actuacións que organiza a AELG ao longo do ano son algunhas das accións ás que contribuirá a achega económica da Deputación da Coruña.

Entre os actos culturais que promove a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Deputación da Coruña financiará a celebración das Xornadas de Literatura Dramática, a organización de obradoiros de creación literaria, a elaboración dun roteiro pola provincia da Coruña dedicado a un autor ou autora, ou a gravación de diversas entrevistas centradas na literatura de tradición oral.

Así mesmo, a institución provincial tamén colaborará na celebración dos actos conmemorativos que anualmente organiza a AELG, como son o Día de Rosalía ou a homenaxe ao “Escritor/a na súa Terra”.

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG) naceu no ano 1980 co ánimo de promocionar a obra das autoras e autores galegos, impulsar a súa visibilidade pública e fomentar a interconexión e o intercambio de ideas por medio de foros de debate. Na actualidade representa os intereses dun total de 415 escritores e escritoras da literatura galega.

16 de agosto de 2018 | 14:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.