publicidade hoxe

Galicia acollerá a finais de ano o I Foro Iberoamericano de Compra Pública Innovadora

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, informou esta mañá, durante a súa comparecencia na Comisión 6º de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo, que Galicia liderará, a finais de ano, o I Foro Iberoamericano de Compra Pública Innovadora. O evento, que se celebrará en Santiago de Compostela, permitirá á Comunidade ser o primeiro epicentro do intercambio de coñecemento entre España e América neste eido, o que axudará a consolidar o seu posicionamento internacional.

Na súa intervención, Argerey salientou o papel pioneiro que Galicia tivo no eido da Compra Pública Innovadora, na implantación de todas as súas modalidades e explicou que se trata dunha fórmula de éxito xa que abriu un novo marco de relación da Administración cos axentes do sistema de innovación, maximizou o investimento público en innovación, consolidou a cultura innovadora na rúa e amosou a capacidade da Comunidade para aglutinar esforzos: “A CPI permite mellorar os servizos públicos que se lle ofrecen aos cidadáns, aliñalos coas necesidades da xente e cos cidadáns do futuro; compartir os riscos que supón o desenvolvemento da I+D+i e o fomento da colaboración público-privada. En definitiva, coa CPI gañan as persoas”, sinalou a directora, quen tamén incidiu na capacidade desta iniciativa para optimizar a eficiencia no gasto público e o seu potencial para impulsar o modelo produtivo do futuro.

Tal e como informou, Galicia ten comprometidos 240 millóns de euros en CPI ata 2020. Así, explicou que, segundo a Fundación Cotec, Galicia aglutinou o 40% do investimento total en proxectos de CPI en España durante 2007-2013. En concreto, neste período desenvolvéronse proxectos como Hospital2050 e o InnovaSaúde; SmartCity no concello da Coruña; e tres proxectos universitarios, LáserPET e Innopharma, por parte da Universidade de Santiago de Compostela e A-Tempo, da Universidade da Coruña.

Polo que respecta ao período actual, 2014-2020, lanzouse o programa Innpulsa CPI Galicia da que saíron programas como o Código 100 da Xunta, ou o polo tecnolóxico e industrial de Rozas, no que se desenvolven, a través de compra pública innovadora, tanto un programa de I+D con dous socios tecnolóxicos como un programa de solucións do que xa se lanzaron 10 licitacións que, segundo avanzou Argerey, se resolverán nas vindeiras semanas; tamén saíron propostas como o deseño dun sistema antinéboa para a autovía A-8 ou o proxecto de cidade intelixente en Santiago de Compostela (Smartiago).

Por outra banda, tal e como anunciou a directora de GAIN, presentáronse un total de 11 propostas á segunda convocatoria de CPI relacionadas coas tecnoloxías 4.0 aplicadas á saúde, ciberseguridade, xestión intelixente do territorio e valorización de recursos autóctonos, que serán remitidas proximamente ao Ministerio para a súa valoración.

O programa Innpulsa CPI Galicia, orzamentado con 32 millóns de euros, conta con tres prioridades: dar a coñecer a CPI entre o sector privado, especialmente nas pemes; prestar servizos públicos de maior calidade aos cidadáns; e formar o persoal da Xunta e doutras administracións. Neste sentido, a directora incidiu na necesidade de afondar na formación con diferentes actividades como cursos e obradoiros nos que xa participaron un centenar de empregados públicos e que terán continuidade con procesos de consolidación e normalización da CPI, como a celebración do I Foro Iberoamericano de CPI.

Hai que salientar que a política de compra pública innovadora da Xunta é obxecto de recoñecemento a nivel estatal e internacional desde os inicios da súa traxectoria xa que InnovaSaúde e Hospital 2050 recibiron tanto o Premio Nacional de Innovación en 2013 como o 2º premio Europeo de Compra Pública Innovadora 2015 e foron destacados como casos de éxito no informe 2016 do Banco Interamericano de Desenvolvemento: o polo tecnolóxico de Rozas recibiu o Premio Nacional de Innovación en 2016 e foi destacado como caso de éxito no Plan Estratéxico para o desenvolvemento do sector civil dos drons en España 2018-2021.

6 de xullo de 2018 | 14:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.