publicidade hoxe

A Consellería de Educación destina 3,8 millóns á creación e mellora de agrupacións estratéxicas nas universidades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de colgar no portal educativo o borrador da convocatoria das axudas para a mellora, creación, recoñecemento e estruturación de agrupacións estratéxicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG), ás que se destina un orzamento de 3,8 millóns de euros. O obxectivo é apoiar as agrupacións que xa iniciaron a súa andaina e, por outra banda, explorar as posibilidades de constitución destas estruturas en novos ámbitos de interese para Galicia. Non en balde, o obxectivo final desta convocatoria é dotar o sistema da capacidade de liderado, estabilidade e dimensión necesaria en liñas ou áreas de investigación a longo prazo centradas en áreas prioritarias para a Comunidade Autónoma, e potenciar a integración e sinerxias dos proxectos científicos que se desenvolvan.

A convocatoria estrutúrase, por primeira vez, en dúas modalidades. En calquera caso, en ambas as dúas o obxectivo é contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no SUG, polo que se terá en consideración a presentación e implementación dun Plan de xestión da diversidade de xénero na súa composición.

Mellora e creación

A primeira das modalidades, dirixida a mellorar as 4 agrupacións creadas ao abeiro da convocatoria de 2015, terá un orzamento de 1,8 millóns de euros. A axuda –de entre 400.000 e 600.000 euros para cada unha– destinarase a apoiar un programa de accións relacionadas coa axenda científica da agrupación, o fortalecemento da súa estrutura interna e o fomento da súa proxección cara ao exterior, a integración e o fortalecemento de sinerxías para unha mellor consecución dos seus fins.

No caso da segunda modalidade, destinada á creación de novas agrupacións estratéxicas de investigación, está dotada con 2 millóns de euros. A axuda –de entre 400.000 e 500.000 euros para cada unha– destinarase á elaboración dun plan estratéxico para o período 2018-2022, que incluirá os obxectivos que pretende conseguir a agrupación a curto prazo (2020) e a medio prazo (2022), e ao desenvolvemento dun programa de actuacións para a posta en marcha e funcionamento ordinario da agrupación para o período 2018-2020.

Entre os criterios contemplados na convocatoria para xustificar a creación de novas agrupacións están o seu carácter estratéxico ou singular no contexto galego tomando en consideración o valor engadido que supón a súa creación e a contribución, por exemplo, aos obxectivos fixados singularmente no marco da Estratexia de especialización intelixente para Galicia (RIS3); a realización de investigación estratéxica, colaborativa e interdisciplinar de calidade no contexto da Comunidade Autónoma e mellora da súa proxección no ámbito internacional; o aproveitamento conxunto de infraestruturas, equipamento e espazos dispoñibles ou de nova creación do SUG; a incorporación de novo persoal investigador en áreas que pola súa actividade científica e tecnolóxica, pola súa competencia na captación de recursos e polo seu valor estratéxico institucional así o requiran; ou favorecer unha maior presenza de investigadores/as do SUG en programas de investigación e intercambio internacionais, entre outros.

Agrupacións para unha mellor I+D+i

As agrupacións estratéxicas son estruturas organizativas de investigación, definidas como tales polas universidades propoñentes, cun nivel de agregación superior ao grupo de investigación, que teñen por obxecto desenvolver unha actividade de investigación colaborativa estable e planificada con obxectivos propios, máis aló do ámbito local e a satisfacción das demandas do ámbito produtivo. Neste sentido, favorecen a creación de coñecemento de fronteira, a competitividade no acceso a fontes de financiamento, a mellora da calidade e do impacto da produción científica, a eficacia e a eficiencia no emprego dos recursos públicos, a optimización organizativa e o aumento da visibilidade da actividade desenvolvida dun xeito que dificilmente podería lograr o grupo de forma individual.

A Xunta de Galicia ten convocado xa catro convocatorias dirixidas á creación destas agrupacións (2008, 2009, 2012 e 2015), de tal forma que se constituíron un total de 12 agrupacións ao abeiro das mesmas. O traballo de excelencia que desenvolven derivou en que sete delas acadaran a condición de Centro Singular de Investigación de Galicia (CIQUS e CIMUS en USC; CITIC en UDC e CINBIO e CIM en UVIGO) ou ben de Agrupación Estratéxica Consolidada (CITIUS na USC e ATLANTTIC na UVIGO) nunha convocatoria realizada a tal efecto no ano 2016.

6 de xullo de 2018 | 12:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.