publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Portos de Galicia recolle 7.000 quilos de residuos do fondo mariño de Aldán, en Cangas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal PortadaPortada dereita
A-
A+

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, recolleu ao longo da xornada de hoxe un total de 7.000 quilos de residuos do fondo mariño do peirao de Aldán, no municipio pontevedrés de Cangas. Así o constatou o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita á zona durante as tarefas de limpeza.

Esta actuación é a primeira da nova fase do plan de limpeza de dársenas que o ente público desenvolverá na provincia de Pontevedra durante as vindeiras semanas, por quinto ano. Este plan desenvolverase nas tres provincias costeiras ao igual que en anos anteriores, co obxecto de acadar peiraos máis sustentables dende o punto de vista ambiental.

Durán Hermida destacou en Aldán que a experiencia acumulada nos anos anteriores indicaba a necesidade de continuar con esta iniciativa que permite retirar dos fondos mariños residuos materiais que nunca deberon chegar ao mar. Así mesmo recalcou que esta actuación mellora a seguridade nas augas interiores e impulsa a protección da fauna mariña, que pode ser afectada seriamente pola acumulación de residuos nos fondos mariños.

A limpeza das dársenas implica a recollida selectiva de obxectos do fondo mariño dentro das augas interiores do porto. Non se trata dunha dragaxe, senón da recollida de residuos que se atopan no leito mariño producidos pola caída accidental dos mesmos ou por outras razóns. Con esta acción preténdese sumar á limpeza en terra a limpeza no fondo do mar e mellorar ademais a imaxe das instalacións.

O equipo de traballo que se encarga da limpeza nas dársenas está formado por cinco mergulladores e como medios mecánicos contan cun barco con grúa. Ademais a empresa está coordinada en terra coa encargada da limpeza de Portos de Galicia, que ten preparados os contedores para o depósito dos residuos en terra e realiza a súa xestión selectiva.

No caso do peirao de Aldán, ao longo da xornada de hoxe recolléronse diversos obxectos de medianas e grandes dimensións, como rodas das defensas dos peiraos, cadeas, cabos, e ata unha radio. Nos vindeiros días, a quinta fase do plan de limpeza de dársenas na provincia de Pontevedra terá continuidade nos peiraos de Moaña, Tragove (Cambados), Vilanova de Arousa e Vilaxoán (Vilagarcía).

5 de xuño de 2018 | 17:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.