publicidade hoxe

Os gardacostas requisan 10.000 metros de aparellos de enmalle e case 235 quilos de peixe e marisco en distintos controis contra o furtivismo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereitaSucesos
A-
A+

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron case 10.000 metros de aparellos de enmalle , case 235 quilos de peixe e marisco e 119 artes de pesca en diferentes controis realizados nos últimos días polo litoral de Galicia.

A ría de Arousa foi a zona na que se rexistraron máis comisos. Na zona norte da ría os axentes requisaron máis de 91 quilos de peixe e marisco, 53 aparellos de pesca e 4.500 metros de artes de enmalle. Pola súa banda, na zona sur, os gardacostas comisaron 20 quilos de peixe e marisco, 250 metros de aparellos de enmalle e unha arte de pesca. O operativo máis destacado de ambas zonas desenvolveuse en Corrubedo, onde os gardacostas se fixeron cos 4.500 metros de aparellos de enmalle, con 32 quilos de peixe variado e con 26 quilos de centola. Ademais, na ría de Vigo, os axentes incautaron 100 metros de trasmallos e un quilo de choco por carecer de identificación.

A Costa da Morte tamén foi escenario de distintos controis que se saldaron co comiso de máis de 15 quilos de peixe e marisco e coa incautación de 13 aparellos e 800 metros de artes de enmalle. Unha das actuacións máis destacadas foi en Corcubión, onde se requisaron 750 metros de aparellos de enmalle e un quilo de melgachos e outro de sanmartiños.

Por outra banda, na ría da Coruña, os axentes comisaron case 33 quilos de peixe e marisco e incautaron 17 útiles. A maioría do produto comisado foi nun control na zona de Santa Cruz no que os axentes incautaron 16 nasas sen identificar e comisaron máis de sete quilos de nécora e máis de oito de centola.

Na ría de Muros e Noia, as actuacións realizadas polos gardacostas saldáronse co comiso de máis de 74 quilos de marisco e peixe e coa incautación de 35 útiles e de 3.850 metros de aparellos de enmalle. A operación máis importante resultou co comiso dos 3.850 metros de aparellos de enmalle, de 28 quilos de peixe variado e oito quilos de boi.

11 de xuño de 2018 | 17:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.