publicidade hoxe

A Xunta ten en marcha o plan para reducir o impacto sobre a saúde provocado pola vaga de calor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia ten en marcha, dende o 1 de xuño, o plan fronte a unha posible vaga de calor, co obxectivo principal de reducir o impacto sobre a saúde da poboación galega polo mantemento das condicións de vaga de calor durante máis dunha xornada. Segundo Meteogalicia, desde a xornada de onte luns, as altas presións atópanse no norte da Península Ibérica. Desde esa posición aportan estabilidade, deixando o ceo despexado, e achegan aire cálido procedente do norte de África. Esta situación continuará nos vindeiros días, polo que as altas temperaturas poderán superar con facilidade os 30ºC na metade sur de Galicia e incluso os 35ºC no interior de Pontevedra, sur de Lugo e provincia de Ourense.

A previsión indica que esta situación manterase ata o vindeiro domingo, aínda que segundo Meteogalicia, a partir de mañá, mércores, agárdanse dous factores que localmente poderían suavizar a situación. Por unha banda na zona costeira de Pontevedra é probable a entrada de néboas, e por outra banda, no interior a presenza de aire frío en altura ocasionará a presenza de nubes de evolución e fenómenos tormentosos. A situación de calor intensa durante o día non afectará ao norte da comunidade galega pola presenza de vento de nordeste.

O Plan establece un sistema de previsión, alerta e comunicación dos riscos, define unha sistemática de intervención para cada nivel de alerta establecido, e reforza a coordinación institucional entre as unidades competentes nesta materia.

Considérase vaga de calor cando o índice de sensación térmica é superior, como mínimo, a 24ºC, e superior ao percentil 95 dos valores obtidos nos resultados históricos desa zona, e, ademais, con temperaturas mínimas superiores a 20ºC. Así mesmo, estas circunstancias deberán ter continuidade durante dúas ou máis xornadas.

Xunto a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde, tamén participan no plan as consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio; Vicepresidencia e Consellería de Presidencia Administracións Públicas e Xustiza; e Política Social.

Sistemas de comunicación

Este Plan de actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde coordínase co Plan Nacional de Accións Preventivas contra os Efectos do Exceso de Temperaturas, do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade. Non obstante, o sistema de información ambiental para a predición e seguimento das vagas en Galicia baséase na información facilitada pola Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a través de Meteogalicia, que achega datos máis polo miúdo e ten en conta outras variables, ademais da temperatura.

Recomendacións xerais

Para protexerse da calor, Sanidade recomenda beber máis líquido do habitual, sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té, e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas en abundancia e evitaranse as comidas copiosas. Respecto da vestimenta, convén usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios aconséllase permanecer, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores ou aparellos de aire acondicionado. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado. No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a anciáns.

Cando se vaia gozar da praia convén tomar o sol de forma progresiva durante os primeiros días, evitando as horas do mediodía e as primeiras da tarde. Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as que teñan un índice non inferior a quince, aplicándoas 30 minutos antes da exposición e renovar cada 2 horas. Ademais, convén protexer aos nenos con gorra e camiseta opaca.

Os sistemas de comunicación da información establecidos no Plan céntranse na poboación xeral, con especial énfase nos cidadáns máis sensibles ás altas temperaturas, e os seus familiares, e está baseado nos medios de comunicación, ademais doutras canles, como pode ser Internet. Asemade, establece os sistemas de comunicación da información para os profesionais do sector social e voluntariado dedicados ao coidado das persoas maiores; así como aos traballadores e dispositivos sanitarios.

19 de xuño de 2018 | 15:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.