publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Vello Cárcere acolle a presentación dos dous primeiro albumes ilustrados da colección infantil Gombó, de Ánxela Gracián

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaLocal PortadaLugoLugoPortada dereita
A-
A+

cartel gombo lugoO Vello Cárcere de Lugo acollerá este venres 11 de maio, ás 19.30 h, a presentación da colección infantil Gombó, da autoría de Ánxela Gracián e ilustrado polo artista plástico Christian Villamide.

O acto estará aberto ao público en xeral ata completar aforo e contará coa presenza do escritor e crítico literario Armando Requeixo e o escritor e profesor Toño Núñez; así como a escritora e o ilustrador.

A obra

Estes contos infantís abranguen, dun xeito didáctico, os distintos temores que xorden nos máis cativos cando deben resolver por eles mesmo os primeiros conflitos vitais a través da mirada dun pequeno elefante e os seus amigos da sabana.

“Gombó e o medo á escuridade” é un conto que conxura o medo que os máis pequenos senten cando chega a noite que os rodea coas súas mans de sombra e os fai estarrecer de medo baixo das súas fábulas. A través da aventura de Gombó e os outros animais da sabana os máis pequenos aprenderán estratexias e ferramentas para enfrontar eses temores nocturnos así como as descubertas consubstancias a toda viaxe. 

Pola súa banda, en “Gombó e a viaxe á lagoa” o pequeno elefante séntese pequeno, fraco e só sen a presenza e as palabras de ensinanza e protección da súa mamá, a elefanta Gomboa, que desapareceu misteriosamente unha mañá. Para atopala, Gombó deberá buscar as pozas de auga e lama que están situadas no horizonte da sabana, desafiando os perigos que toda viaxe aos límites entraña e vencendo ese medo infantil que senten os nenos cando teñen que resolver sós os primeiros conflitos vitais.  

Colaboracións 

Este libro, editado por Edicións Fervenza contou coa colaboración da empresa Queixos Hoxe e a secretaría xeral de Cultura da Xunta de Galicia. 

A autora 

ÁNXELA GRACIÁN (1968) naceu en Castroverde (Lugo). É licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela e, despois de vivir en París para aprender francés, volveu de novo a Compostela onde comezou a traballar no Servizo de Tradución da Xunta de Galicia, realizando traducións xurídico—administrativas, profesión que combina coa tradución literaria, dando voz a Margarite Yourcenar (Memorias de Hadrián; Hugo Pratt, (A balada do mar salgado, Patio secreto chamado Arcano e O segredo de ser inútil); Jules Verne (A illa misteriosa, —Premio Plácido Castro)— Miguel Strogoff); Sandra Comino (A casiña azul), María Teresa Andruetto (Estéfano), Alberto Gómez Cerdá, Luisa Villar Liébana, Jean Giono, Jean Paul Sartre ou Joao Ribeiro, entre outros. 

Cando escribe sempre dialoga con ese cativa que a habita de maneira permanente e dese diálogo naceron títulos ambientados nos bosques castroverdenses como Cos petos cheos de cinza, As bolboretas douradas e Xoaniña, rei—rei, dime con quen casarei. Na novela xuvenil Eu tamén fun peliqueiro de Laza deixa constancia da súa paixón polo teatro. En Chis Chisgarabís e A toupiña cegarata trata o tema da viaxe como enriquecemento interior. En Nun lugar chamado Labirinto e Camiño solitario aborda o tema da morte dun modo comprensible aos máis pequenos. En Carrapeto aborda o tema do outro. Outras obras máis recentes son Pinga de choiva, Carapuchiña “en rose” ou As palabras do silencio, nas que fala do tema do amor desde diferentes ópticas e modos. Recentemente publicou Paisaxes de pan, libro de poemas no que dá voz a esa xeración de mulleres—biblioteca que a construíron como escritora, e que foron tal vez a última xeración de literatura oral galega. 

De 2004 a 2012 dirixiu as coleccións Medusa e Doce x Vinte e Dous en Sotelo Blanco Edicións. 

O ilustrador 

CHRISTIAN VILLAMIDE (1966) naceu en Lugo. Comezou a sua andaina artística no ano 1995, e xa case inmediatamente xorde a súa primeira exposición nesa capital, seguida doutras por España e o estranxeiro. Tamén é premiado en distintos certames e recibe bolsas de creación. A súa obra está en distintos museos e coleccións como MACUF, Colección A Fundación, Museo Provincial de Lugo, Colección Caja Canarias, Caja Madrid, Colección Facultade de Veterinaria de Lugo., entre outros.

Algúns traballos individuais son “A paisaxe contra a parede” (Museo Provincial de Lugo 2016); “Territorios transversais” (Galería Bus Station Space, Santiago, 2016); “Coexistencias” (Galería Pardo Bazán, A Coruña 2012); “Paisajes incógnitos” (Novacaixagalicia, Vigo 2011); “Equidistancia” (Fábrica das Artes, Torres Vedras, Portugal 2001); “Sensaciones Griálicas” (Fundación de Arte Ana Torre, Arxentina 1992), entre outras. 

Colectivamente participou en bienais, exposicións comisariadas como “Pegadas na terra” (Pazo da Cultura de Pontevedra 2016); Room Art Fair 5” (Madrid); “El grabado ¿una cuestión de papel?” CICCA (Gran Canaria 2016); “73x73x273 a irmá do sono” (Igresa da U.S.C. Santiago 2012); Espacio Atlántico (IFEVI Vigo 2011.; “Naturaleza con Arte” (Vigo); II Bienal de Canarias “Reflejos” (Círculo de Bellas Artes Tenerife 2009); Estampa XIII, (IFEMA Madrid. Galería C5, Madrid 2005); “La mirada alrededor” (Universidad de Las Palmas de G.C); “Foron Novíssimos” (Centro de Arte Torrente Ballester, Ferrol 2003), entre outras. 

Actualmente traballa como ilustrador na serie de contos do elefante Gombó e tamén no libro surrealista Benu Zula e a unicornia branca da escritora Ánxela Gracián; da serie fotográfica para o libro de poemas de Toño Núñez e colabora co poeta Miguel Ángel Curiel. Ademais dun proxecto literario propio titulado De cando eu era neno e Lugo marelo.

10 de maio de 2018 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.