publicidade hoxe

A Xunta destaca o reforzo dos servizos e recursos dirixidos a mellorar a calidade de vida das persoas maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañado do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá na cidade de Pontevedra o novo centro de día e residencia de maiores Saraiva Sénior, que recentemente abriu o grupo Sacendi e que presta servizo a máis de 60 maiores e ás súas familias.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que a atención aos maiores é un dos obxectivos prioritarios das políticas sociais en Galicia. Nesta liña, engadiu que que para que esta sexa a mellor posible cómpre a colaboración e coordinación entre as distintas administracións, coas entidades e axentes sociais e tamén coa iniciativa privada, que en moitos casos complementa e acompaña a acción pública.

Ademais, Rey Varela indicou que o compromiso con este colectivo por parte do Goberno galego ponse de manifesto no incremento en máis dun 11% dos orzamentos da área de maiores para 2018 con respecto ao ano pasado, chegando aos 310 millóns de euros. Unha maior disposición de recursos que, segundo explicou o conselleiro, permite consolidar a rede de prazas residenciais e de atención diúrna, potenciar o Servizo de Axuda no Fogar a Dependentes (SAF) ou ampliar a ratio de atención a persoas dependentes ata situalo no 82,2%.

O Centro de Día e Residencia Saraiva Sénior, en funcionamento desde o ano pasado, conta con 28 prazas de atención diúrna e outras 36 residenciais, todas elas ocupadas.

2 de maio de 2018 | 16:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.