publicidade hoxe

A Xunta abre o E-Dixgal a todos os centros de primaria e secundaria sostidos con fondos públicos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta de Galicia abre este ano o proxecto de libro dixital E-Dixgal a todos os centros sostidos con fondos públicos de Galicia, sempre e cando impartan 5º e 6º de Primaria ou 1º e 2º da ESO. Cómpre lembrar que ata o momento para acceder a este programa era necesario que os centros participaran no proxecto Abalar. Nesta ocasión, subministrarase o equipamento informático necesario –fundamentalmente ultraportátiles para os alumnos– aos centros que non conten con el. De feito, a Xunta de Galicia realizou este ano a renovación dos equipos dos centros E-Dixgal, o que supuxo o reparto de máis de 13.000 ultraportátiles.

Deste xeito continúase co despregamento do libro dixital no ensino galego, enmarcado na Estratexia galega para a educación dixital (Edudixital 2020). Algúns dos obxectivos deste plan son lograr que todo o alumnado do ensino obrigatorio teña formación en robótica e programación no curso 2020/21, romper coa fenda de xénero nos estudos STEM e acadar os 300 centros e máis de 20.000 alumnos beneficiados co libro dixital no 2020/21. Actualmente, esta iniciativa está presente en 154 centros e chega xa a máis de 11.600 alumnos. O obxectivo da convocatoria publicada hoxe no portal educativo (http://www.edu.xunta.gal/portal/node/25011) é incorporar a E-Dixgal un total de 30 centros –aínda que se pode estender a máis–, o que suporía arredor de 800 alumnos máis no proxecto.

Novos materiais

Cómpre lembrar que os centros que se incorporen este ano poderán beneficiarse desde o inicio das novidades do programa, tales como a incorporación dun novo provedor de contidos, aulaPlaneta, que se sumou a Netex e Edebé.

Ademais, estará dispoñible o centro de produción, que facilitará aos docentes novas ferramentas e mecanismos para que poidan incorporar á plataforma contidos educativos innovadores. E tamén está en proceso de licitación o contrato dun novo provedor de contidos en inglés.

Servizo Premium

En 2018 activarase, así mesmo, o Servizo de Soporte Premium para as familias, alumnado e profesores dos centros educativos implicados na iniciativa, que ofrecerá tres tipos de asistencia: remota (telefónica e online); in situ, con desprazamento ao lugar do incidente, e a través de puntos físicos de atención.

Os máis de 1.000 profesores, 12.000 alumnos e as súas familias dispoñerán dunha única vía de atención para todas as cuestións relacionadas co uso do libro dixital a través de varias canles (teléfono, correo electrónico, web, app no móbil…), as 24 horas do día os sete días da semana. O novo Servizo Premium contempla, como novidade, que o soporte se preste no domicilio da familia ou o docente para aqueles incidentes que requiran unha atención presencial.

Plan de formación

Cómpre lembrar, ademais, que o E-Dixgal vai máis aló do mero equipamento informático. Non en balde, todos os centros E-Dixgal contan cun Plan de formación propio no ámbito das novas tecnoloxías, cunhas 2000 horas de formación específica para o profesorado. Entre setembro e novembro impartíronse máis de 20 cursos nos que 430 profesores recibiron formación sobre cuestións técnicas e metodolóxicas relativas á educación dixital.

Ademais, ditos plans incorporan tamén unha Escola de Nais e Pais para que as propias familias reciban información ao respecto e dispoñan de canles axeitadas para o acceso aos contidos e a resolución de dúbidas, entre outros.

21 de maio de 2018 | 11:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.