publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O DOG anuncia para o 3 de maio a convocatoria aos propietarios dos terreos afectados para a mellora da estrada Santa Comba- Portomouro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaSanta Comba
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia anuncia para o vindeiro 3 de maio a convocatoria pola que se empraza aos propietarios dos terreos afectados polas obras de acondicionamento da estrada AC-406, Portomouro-Santa Comba, que se desenvolverán entre o parque empresarial e Abuín.

A resolución publicada hoxe no DOG cita no salón de plenos do Concello aos titulares das fincas para levar a cabo o levantamento de actas previas, o vindeiro xoves 3 de maio, entre as 9 e as 14 horas.

A intervención da consellería de infraestruturas conta cun orzamento de máis de 4,3 millóns de euros e suporá unha importante mellora da seguridade viaria, cun trazado alternativo ao da actual estrada, que permitirá evitar o paso polo núcleo de Salgueiroas, actuando como variante. Así evitaranse os problemas do trazado actual, encaixado entre edificacións e con varias curvas de radio moi reducido e interseccións con escasa visibilidade.

O trazado desenvólvese entre os puntos quilométricos 25+680 e 27+740 e ten unha plataforma de 10 metros, con dous carrís de 3,5 m e beiravías de 1,5 m, á que se sumarán bermas polas dúas marxes de 0,75 metros. Inclúense tamén dúas interseccións, unha ao final da travesía de Salgueiroas con forma de semiglorieta na que se permitirán os cambios de sentido; e outra como unha glorieta no punto final da actuación, na que conflúen a nova traza coa AC-406 e o acceso ao parque empresarial de Santa Comba.

Así mesmo, prevese unha nova estrutura sobre o rego da Bouza, de aproximadamente 50 metros de lonxitude, dous pasos inferiores e proxéctanse camiños de servizo para canalizar os accesos existente.

A esta actuación hai que engadir outra infraestrutura estratéxica en execución por parte da consellería, como é a Variante de Aradas, que suporá tamén unha mellora substancial para os veciños de Santa Comba nas súas comunicacións con Santiago, coas zonas industriais e mesmo na conexión co aeroporto.

4 de abril de 2018 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.