publicidade hoxe

A Xunta proporá ás universidades baixar o prezo do crédito dos másters habilitantes e equiparalo ao do grao e conxelar un ano máis as taxas universitarias

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+
Rolda e prensa do presidente da Xunta

Rolda e prensa do presidente da Xunta

Tal e como xa anunciou onte no Parlamento, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que o Goberno galego proporá ás universidades galegas baixar o prezo do crédito dos másters habilitantes e equiparalo ao do grao, así como a conxelación un ano máis das taxas universitarias.

No tocante á primeira proposta, Feijóo precisou que, deste xeito, pasarase dun prezo medio de 25,03 euros por crédito a menos da metade: 11,89 euros por crédito. E, sobre a conxelación das taxas, explicou que, no caso dos graos universitarios (que supoñen o 90% das matrículas), proporase que o prezo medio dos créditos se manteña en 11,89 euros/crédito, moi por debaixo da media española (18,02 euros/crédito) e a metade dos prezos da comunidade máis cara, Cataluña (33,52 euros/crédito).

Así mesmo, e no caso dos másters non habilitantes (que non son obrigatorios para cursar unha profesión), o titular da Xunta subliñou que os prezos son os cuartos máis baixos, cunha media de 26,49 euros, 7,43 euros/crédito menos que a media nacional.

Segundo asegurou, a proposta do Goberno galego é xusta para os estudantes e para Galicia e trátase dunha decisión que, no caso dos graos, se leva adoptado desde os últimos sete anos consecutivos e, no caso dos másters habilitantes, “pode estar vixente para o próximo curso se os reitores así o consideran”.

O responsable do executivo autonómico lembrou que estas propostas forman parte dun paquete de medidas de apoio aos estudantes universitarios, nas que se inclúen as axudas para o inicio e continuación de estudos, dirixidas a quen non cumpriran os requisitos académicos adicionais esixidos polo Ministerio; as axudas para cubrir as causas imprevistas que poidan afectar á continuación de estudos universitarios; e a liña específica de apoio para o inicio de estudos de máster dirixidas a persoas en situación de desemprego.

Como engadiu Feijóo, o que se aforra para formar a un estudante que faga o grao e o máster habilitante en Galicia vai ata os 2800 euros.

Polo tanto, trátase dunha gran noticia para as familias galegas e para os mozos e mozas que poidan seguir traballando e formándose na comunidade. “Esta é a proposta que imos presentar ao Consello de Universidades e agardamos que conte co visto e prace dos reitores”, aseverou o titular do Goberno galego.

26 de abril de 2018 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.