publicidade hoxe

Xunta, Deputación da Coruña e Concello de Ferrol acordan duplicar o orzamento para a comarcalización do parque de bombeiros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFerrolLocal Portada
A-
A+

A Xunta de Galicia, a Deputación Provincial da Coruña e o Concello de Ferrol acordaron hoxe duplicar o orzamento destinado a financiar a comarcalización do parque municipal de bombeiros da cidade, que actualmente xa presta servizos a outros concellos do contorno. Así se confirmou esta mañá tras a reunión entre o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.

O obxectivo do encontro foi actualizar o actual convenio do Parque de acordo aos criterios de financiamento acordados no grupo de traballo das emerxencias para as comarcalizacións dos parques das cidades. Este financiamento corresponde á Xunta e á Deputación provincial. Ademais, no encontro tamén se acordou dotar a este convenio de comarcalización de estabilidade, xa que ata o momento se baseaba en prórrogas anuais.

A xuntanza produciuse nun clima de vontade de colaboración entre administracións que comparten un obxectivo común: optimizar o servizo de emerxencias co fin de prestar unha mellor atención á cidadanía.

O Parque municipal de bombeiros de Ferrol xa está comarcalizado e, ata o momento, ten ofrecido bos resultados. O seu ámbito territorial de actuación directa está conformado polos concellos de Ares, Cedeira, Fene, Mugardos, Neda, Valdoviño e, por suposto, Ferrol.

Comarcalización dos parques das cidades

A reunión de hoxe inscríbese na rolda de contactos que está a manter a Xunta coas grandes cidades co obxectivo de comarcalizar os parques de bombeiros. Ata o momento, xa se mantiveron reunións con Santiago de Compostela e Ourense. En ambos casos, certificouse o compromiso de avanzar na comarcalización de ambos parques de bombeiros, e abriuse un proceso de negociacións técnicas e conversas cos concellos do contorno.

Agora, o seguinte paso foi este acordo con Ferrol para a mellora das condicións do seu parque. E a partir de agora, está previsto manter os próximos contactos coa Coruña e Lugo.

A comarcalización dos parques das cidades e a creación de novos servizos nas zonas de sombra, previstas pola Xunta de Galicia e abordadas no Grupo de Traballo polas emerxencias, permitirán que, cando se produza unha incidencia, se estenda o tempo de resposta de 20 minutos dun 65 a un 90% do territorio e dun 87 a un 95% da poboación.

27 de marzo de 2018 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.